Cousas que non cadran

OPINIÓN

Enric Fontcuberta

30 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É curioso o moito que lle custa á xustiza deste país saír do dereito represivo da ditadura e incorporarse ao moderno dereito europeo de garantía dos dereitos humanos. Nunca, en ningures, se podería dar o caso de que un xuíz pregunte ao TXUE se un deputado, dende que é elixido, goza de inmunidade ou non. Aquí somos diferentes.

Pero aínda máis desconcerto nos produce que, sen agardar á resposta, se produza un fallo que moi ben puidera supoñer unha nulidade do xuízo. A finalidade da pregunta, de primeiras, non se entende se non se agradou pola resposta; pero si, ao mellor, se a súa finalidade foi outra: por exemplo, provocar unha condena que xustifique, ou que se pense que pode xustificar, que a inmunidade quede sen contido. Bo engado, abofé, para que no seu día, o Tribunal de Luxemburgo nos dea outra soberana lección.

Menos aínda se pode entender ese inventado trámite dos cinco días para que as partes aleguen o que lles pareza sobre a inmunidade de Oriol Junqueras. ¿Despois da diamantina doutrina da resolución da xustiza europea? Por moito respecto que unha resolución mereza nunca debe causar abraio.

Como ben escribiu Pérez Royo, o que mal empezou, seguindo un camiño torto, mal ten que rematar. Ninguén pode cobizar que un tribunal, por diversas razóns, se meta nun tobo de onde lle vai custar saír. Porque o prestixio das institucións, que son de todos, pode quedar eivado por moito tempo.

Todo o problema se reduce a un tan só: o cumio xudicial español segue sen adaptarse aos criterios penais europeos. Vemos que lle está custando moito ese acomodo. E o grave é que nada ou case nada se está facendo para emendalo. O que é moi urxente, para que por ai adiante non queden abraiados cos nosos criterios cuarteleiros.