Nunca pensei que me estafaran

Francisco Castro
francisco castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

J. P. GANDUL

23 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 20 anos comezaba o 2000. Para min, o ano do Gran Timo. Porque eu pertenzo a esa xeración que medrou ao tempo que se desenvolvía a carreira espacial, merendaba con Carl Sagan na televisión viaxando polas estrelas, e asistía, alucinando, á estrea da primeira película (en realidade era a cuarta, quedei algo atribulado) de Star Wars, daquela, La guerra de las galaxias. Era un neno diante dun futuro esperanzado: o Glorioso Ano 2000.

O primeiro recordo da miña conciencia de que vivía nun ano é de 1972. Teño unha imaxe imborrable na cabeza: o calendario está na parede da escola unitaria onde eu estaba facendo a EGB, eu fíxome e pregunto, e ela contesta: «Estamos en 1972». Teño 5 anos. Sempre lle dei moita importancia ao tempo. Ao paso do tempo. Ao feito de que estamos aquí e agora vivindo este tempo concreto.

Quizais por iso, dende moi pequerrecho, puxen o meu maxín no famoso ano 2000. Gañei o meu primeiro concurso literario naquela escola cando a señorita Mari nos pediu que fixeramos unha redacción sobre como maxinabamos o ano 2000. Eu, que publiquei libros de todos os xéneros, practiquei alí o único do que aínda non fixen libro, e escribín unha historia de ciencia ficción moi tópica, explicando que no ano 2000 habería coches que voarían, iriamos á lúa coma quen colle o Vitrasa en Vigo para ir a Samil, e que sería un mundo onde non existiría o crime, nin a fame nin as enfermidades.

Sempre fun un optimista patolóxico. E sego sendo, malia que a realidade me aconselle o contrario. Porque o certo é que, co ano 2000 e os que viñeron despois, nada disto se cumpriu. Chegou o novo milenio e non hai unha realidade en tecnicolor marabillosa, senón fame no mundo para aburrir, guerras silenciadas que a ninguén lle importan, mátanse máis mulleres que daquela, nenos enviados a guerras para que señores traxeados engorden as súas contas en paraísos fiscais, e un nivel tan grande de contaminación que ten que vir unha nena a chamar a atención. E, malia iso, nada cambia, hai drogas novas cada día, e unha música moi pouco imaxinativa, e fake news contaminándoo todo, e ultraviolentos de ultradereita por todas partes e 50 sombras de Grey e Chabelita.

Síntome estafado porque cando gañei aquel premio escolar realmente pensaba que a partir do ano 2000 todo ía ser de cine. Era o cambio de Milenio. Era un Acontecemento que ía transformar a historia. Os científicos gobernarían o mundo. A Ciencia. O Progreso. A Razón.

E resulta que non. Que o gobernan Trump, Putin, Bolsonaro, Salvini... A min estafáronme. E estou tristeiro porque nin sequera sei a quen lle teño que reclamar.