O caso catalán

OPINIÓN

23 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao noso ver, o caso catalán emporca toda a política española. Non só porque non soubemos resolvelo con medidas políticas, senón maiormente porque as decisións que se tomaron nada tiñan que ver coa política, e o resultado está ben á vista: o independentismo recibiu un bo empuxe con elas. 

E xa non falemos do desprestixio internacional, que esa é outra cuestión. Referirémonos tan só á política doméstica, a esa que ten a cara dura de soster que Pedro Sánchez vende España aos independentistas, pero cala e non ve ningunha responsabilidade en pactar coa extrema dereita, algo que en Europa non se comprende.

Nin se estraña de que un militante de Vox xustifique a violación pola que foron condenados a fortes penas de prisión uns xogadores do club Arandina: «Estas mozas consumen alcol, fuman e soben fotos do seu cu a Instagram e do seu tanga, pero logo, cando ocorren cousas, as chaman menores» (Bertrand Ndongo).

É un delito entrevistar a Arnaldo Otegui ou a Oriol Junqueras, ou que un antigo etarra dea unha conferencia nunha universidade á que nin sequera o fiscal se opuxo, actitudes todas elas de natureza inquisitorial, pero, pola contra, é legal e encomiable estar todo o día mentindo, falando de conspiracións que ninguén pode crer. Catástrofes todas que se poden evitar con só non opoñerse á investidura do candidato, se o seu tan cacarexado patriotismo fose certo.

Ou cando Casado di que lle dá «un pouco de vergonza allea quen goberna en España», por pactar con independentistas, pero el non se avergonza do seu historial académico. Non sabemos que patriotismo pode haber en tanto disparate. Pero todo semella indicar que hai disparates que debemos amparar e babecadas que debemos refugar. Patriotas que leve o demo para que deles nos libre.