Necesitamos goberno

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Necesitamos formar goberno. Dígollo de verdade. É algo que nos aprema. Non é cuestión de presupostos, pois, se os estiramos meses, podemos seguir alongándoos un chisco máis. Tampouco vaian pensar que se viviu unha apocalipse económica... pois nada, arreamos como ata agora.

O mesmo pasa coas decisións sobre a reforma laboral, as pensións, o cambio do modelo produtivo, a dependencia, a sanidade, a educación, o sistema territorial... Non se enganen, estes problemas levan anos enriba da mesa e pasaron gobernos de distintas cores que escorregaron a cuestión todo o que puideron.

Isto pode agardar, pero o Nadal non, de aí a miña petición. Saben cantas ceas de Noiteboa ou Nadal van estragar por non ter un acordo de goberno? Levo visto moitas discusións sobre política en distintos ámbitos. Ceas de traballo, amigos, compañeiros... e familia. Hai pouco un mozo asegurábame que non ía ir en Nadal a casa por non discutir coa familia.

Parte da culpa é non querer escoitar. A xente xa non sabe falar. Tantas redes sociais, tanta mensaxe por teléfono que non sabemos comunicarnos. Nin escribimos ben, nin falamos. Berramos. Gritámoslle ao outro que temos razón e non valoramos as súas opinións. Ou estás comigo, ou contra min.

Isto, trasladado ás sobremesas destas festas, é sinónimo de indixestión. Están os ánimos alterados... porque non se sabe quen vai gañar. Deberiamos gañar todos, en conxunto, como sociedade. Debe ser que iso non o vemos claro que miramos o individualismo. Pois quero cear tranquila.