En transición ecolóxica

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

SUSANA VERA | Reuters

17 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos nun tempo dominado polo trans: transnacional, transxénero, transcultural, transxénico, no que os efectos dos cambios -tecnolóxicos ou políticos- dos que se veñen falando dende hai décadas nótanse de vez. Os máis notables e que máis nos van afectar son os cambios ambientais derivados das formas de producir que se inauguraron coa revolución industrial hai un cuarto de milenio. Este ano cúmprense 250 do inicio da comercialización da máquina de vapor de James Watt e do arrinque das formas de producir que converteron a natureza en materias primas, sobardando as formas orgánicas de industria baseadas na enerxía solar. De alí aquí todo foi confianza no progreso continuo ata chegar ás formas de produción e consumo en masa, sen reparar nos efectos asociados. O primeiro toque de atención foi o grande smog de Londres de 1952, no que morreron máis de dez mil persoas. Vinte anos despois a crise do petróleo obrigou a atender a quen chamaban a atención sobre o esgotamento dos recursos nos que se baseaba o modelo económico industrial. O debate derivouse á procura de enerxías alternativas que liberasen a dependencia dos combustibles fósiles e, logo do primeiro susto, recuperouse a confianza no poder ilimitado da ciencia e a tecnoloxía para ofrecer solucións sen ter que mudar a forma de crecemento económico. Engadíuselle, iso si, o coñecido adxectivo sustentable.

A mediados dos anos oitenta, o coñecemento do furado na capa de ozono alarmou á Humanidade, pero medidas precisas lograron reducilo en varias décadas o que acrecentou a confianza nas posibilidades de que a ciencia e a tecnoloxía axudaran a manter a forma de crecemento. Á vez fóronse tomando medidas contra a contaminación e os residuos. Máis antigo é o coñecemento do risco de quecemento global e o efecto invernadoiro. No famoso informe do Club de Roma de 1972, titulado Os límites do crecemento, recóllense precisas consideracións baseadas nun século de coñecemento acumulado ao respecto. O cumio de Madrid é un máis na concienciación verbo dun problema que non deriva da ignorancia senón da falta de interese. Máis ben dun conflito de intereses entre uns poderes estatais e económicos que queren seguir producindo como ata agora e o resto. Pero, sobre todo, se interpretamos historicamente o presente, veremos que o conflito de intereses dáse máis ben entre o que nos gustaría que seguise sendo o futuro e a realidade do que xa sabemos que vai ser. Por esa fenda estase a colar de feito un incremento da desigualdade que vén ?sobre todo virá- do acaparamento de todo tipo de recursos naturais.

Por riba de todo, estamos no tempo da transición ecolóxica obrigada. Porque o asunto non é un problema de ignorancia. Quen quere saber sabe e as ciencias teñen poucas dúbidas. Porén, o fundamentalismo voluble da razón científica convertida en verdade absoluta, aliado á política e á economía e sen control social pode dar malos resultados. Deunos xa nas últimas cinco décadas. Non estamos en tempos de sucedáneos, chámense reciclaxe, economía circular ou o desacreditado crecemento sustentable, senón no da transición á bioeconomía. Para presentar o problema ambiental como comprensivo hai que velo como unha rede de accións humanas. Entendelo como un acontecemento humano evita convertelo en enigma e pon nas nosas mans as solucións.