Non existe a violencia de xénero. Para nada. Que va! É unha invención. Por iso van máis de medio cento de mulleres asasinadas por este horror no que vai de ano. Sae barato, pois seguen aumentando as vítimas.
No caso de Marta Calvo é aterrador como se pon de manifesto que para o agresor a muller é practicamente un corpo. Un corpo que usa ao seu antollo, para o seu goce e do que pode desfacerse sen máis ao rematar a diversión.
O corpo da muller é un estigma. Estamos sometidas a vivir dentro dunha carcasa á que nos debemos. De aí a tiranía do físico, das leis ou normas sociais que nos acosan continuamente.
Hai uns días morreu unha muller despois de someterse a unha operación estética para mellorar a aparencia do seu abdome e peito. Hai un par de meses, unha muller de tan só 23 anos tamén falecía despois de aumentarse o volume do peito.
Mulleres nais, con parella... mulleres que teñen unha vida máis alá do aspecto físico. Mulleres, con todo, sometidas á incansable presión da aparencia.
Hai uns días unha actriz denunciaba nas redes sociais as queimaduras que sufriu na cara ao someterse a un tratamento láser para mellorar o aspecto da súa pel.
Que difícil nos poñen ás veces aceptarnos coa nosa naturalidade, coa nosa singularidade, coas nosas diferenzas... co noso xeito de ser únicas no universo. Mais se non cumprimos o canon de proporcionalidade que nos inventamos nos últimos tempos, podemos ser rexeitadas, como se iso fose unha eiva.
Que difícil ser muller. Canta violencia contra nós.