Vivalavida!

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Ela prohibiría nos noticiarios as malas noticias sobre o ánimo. Estes días de decembro, cando o Nadal cantor e iluminante asedia Galicia, aparecen entrevistas nos medios sobre a tristeza. A relación do frío e as depresións é un clásico deste tempo «outoninvernal». Ela, que pelexa contra os tristes e as tristezas, recorta con tesoiras de cores (infantís tesoiras) esas noticias nos periódicos. Pega os recortes na diana do cuarto. Se no seu cuarto non houbese unha diana -pensa ela- podería sufrir ataques de ira. A diana non sempre ten a mesma aparencia. Houbo días coa foto de Trump, xornadas con rostros populares de Gran Hermano e tránsitos aciagos nos que colocaba recordos da hemeroteca: Sánchez con insomnio e Sánchez sen insomnio, por exemplo. Pero hoxe quería pendurar da diana as palabras dos galenos que insistían: o frío, a escuridade, a chuvia atentan contra o ánimo e son máis as persoas que precisan axuda psiquiátrica ou psicolóxica. Ela axúdase a si mesma. Dardo a dardo. Ten dez. Cando remata a primeira tirada, se non consegue alegrarse, insiste con outros dez. E así sucesivamente. A miúdo non gana. De nada vale tirar dardos ao rostro de Trump. Ou lanzar saetas sobre as fotos das asqueantes repugnantes miserables manadas. De nada. Os malos seguirán aí. Imperturbables. Pero algún día conseguirá vencer. Abre a fiestra e respira. A vida é demasiado fermosa para que a cor grisnegra gane todas as batallas. Non. Esta vez non. O Nadal ten recendo a frescor. E os matices da luz entre as follas caídas son alalás de Van Gogh. Non vas poder comigo, tristeza, grita desde a ventá. Como di?, pregunta unha transeúnte. Ela contesta, gritando: Vivalavida, señora!