Os contrastes da vida

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

05 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa decembro. Non foron, como parece, tan só uns días os que pasaron desde as badaladas que marcaron o 2019. A sensación e a realidade non van parellas. Todo pode ter dobre cara. Nesta época é habitual facer resumo. Moitas redes sociais ofrécense a indicarnos as imaxes que determinan as lembranzas máis importantes dos doce meses pasados. De novo as redes, de novo o virtual. Ás veces acerta, ás veces non. Eu prefiro facer a miña propia valoración, decidir o que marcou o meu ano. Porque non todo ten por que ser tan fermoso, nin tan duro. De feito, ás veces é todo a un tempo. Non esquezan que acaban de proclamarnos campións da Copa Davis de tenis hai uns días. Para min converteuse nun exemplo da brutal dualidade que pode ser a vida. Roberto Bautista tivo que ausentarse da competición por mor do falecemento de seu pai. Chegou para despedirse, díxolle adeus e regresou. Quería estar moralmente cos seus compañeiros, sendo o seu apoio. Pero a realidade foi máis aló e acabou por xogar un dos partidos. E vencendo.

Impacta ver o equipo escoitando o himno gardándolle o sitio. Un baleiro que me encolleu o corazón. A mesma impresión que me causou velo rematar ese partido, dedicado a quen acababa de abandonalo neste mundo.

Hai tan só uns días, casou. Sorriu. Ser deportista é isto. Loitar e ser compañeiro. Evitar conflitos.