Cartografía da estafa fiscal


A suficiencia e a equidade son as características básicas dun sistema fiscal: que se recaden os ingresos necesarios e que se faga de forma xusta. O sistema fiscal español sempre tivo eivas na suficiencia e na equidade, pero a crise e as decisións tributarias agraváronas aínda máis.

Para empezar, os tipos impositivos en España son similares á media europea, pero a recadación está sete puntos de PIB por debaixo da media. Os que pagamos facémolo coma un europeo medio, pero hai moitos que non pagan, ou non pagan o que deberían pagar. Cada ano deixamos de ingresar case 90.000 millóns de euros por culpa da fraude, da elusión e da enxeñaría fiscal.

Son prácticas socialmente reprobables, e que sabemos onde se concentran. As empresas máis grandes deberían pagar o 25 % dos seus beneficios no imposto de sociedades, pero na realidade o tipo efectivo medio sobre os beneficios contables foi de apenas o 6 % no 2017. Na banca foi aínda peor: pagou o 3 %. As grandes construtoras directamente eludiron o imposto de sociedades: tributaron un ridículo 0,6 %.

A Axencia Tributaria acaba de publicar un informe no que se pon de evidencia que 27 multinacionais españolas que facturaron en conxunto 111.000 millóns de euros e gañaron máis de 25.000 millóns apenas pagaron 60 millóns no imposto de sociedades, o 0,3 % dos seus beneficios. Un dato serve para seguir a pista desta inaceptable desfiscalización dos beneficios das grandes compañías: trinta das trinta e cinco empresas do Ibex teñen 850 sociedades filiais en paraísos fiscais.

Deserción fiscal das grandes empresas, pero tamén das rendas do capital, porque o que se chama imposto sobre a renda na realidade é un imposto sobre os salarios. No 2017 o 85 % da recadación do IRPF ten a súa orixe nas rendas do traballo. Elusión e decisións de política fiscal, porque unha persoa que ingrese 60.000 euros por rendas de capital tributa o 23 %, pero se as ingresa polo seu traballo o tipo marxinal chega ata o 45%.

Desigualdade fiscal que agrava a desigualdade social, porque dende o 2010 -cando empezaron a austeridade e os recortes para a maioría- o número de millonarios en España incrementouse o 500 %, ata chegar a 980.000 persoas. Máis ricos pagando menos impostos, porque hai unha estratexia para acabar coas figuras tributarias que gravan a riqueza: o imposto sobre o patrimonio e o imposto de sucesións.

O Partido Popular levaba no seu programa electoral eliminalos, e xa o está facendo onde goberna. Na comunidade autónoma de Madrid xa o fixo na práctica. Agora en Andalucía o novo goberno do PP, Ciudadanos e Vox vai polo mesmo camiño. Desfiscalización dos grandes patrimonios que tamén chegou a Galicia, porque para o 2020 rebáixase a tarifa do imposto de patrimonio, que só pagan os que teñen un patrimonio superior a 700.000 euros, e modifícase o imposto de sucesións, de forma que unha persoa que reciba unha herdanza de ata un millón de euros de cada un dos seus proxenitores estará exento de tributación. Mentres, un asalariado con 1.500 euros ao mes paga o 25 % no IRPF e o 21 % no IVE.

¿Esta forma de tributar cumpre co establecido no artigo 31 da Constitución, que di que «todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto, inspirado nos principios de igualdade e progresividade?» Vivimos nun Estado no que hai demasiados constitucionalistas a tempo parcial, que só coñecen un artigo da Carta Magna.

Por Manuel Lago Voceiro do Grupo Común da Esquerda

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Cartografía da estafa fiscal