Tirar a vida

OPINIÓN

CIBER

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar do suicidio nos medios pode incitar unha conduta semellante noutras persoas, ou xusto todo o contrario. Hai teses e expertos que enfrontan as súas teorías. Uns, entre eles a Organización Mundial da Saúde, din que o silencio é o peor inimigo do suicidio, que convén exteriorizalo para previlo, e outros profesionais temen o efecto contaxio, sobre todo se se trata dun xeito sensacionalista.

Por desgraza, eu tampouco teño a resposta e non sei se é bo ou non falar con naturalidade dun tema tan duro e real que apaña unha vida cada dúas horas e media. Descoñezo o impacto do andazo que poida ter a morte da cantante surcoreana Goo Ha-ra, que se suma tamén á de Tully, ambas as dúas artistas enmarcadas dentro da industria chamada do k-pop. Todo parece indicar que foron mortes voluntarias, e un non deixa de se preguntar se quen sostén a tese do silencio irá mellor encarreirado ca quen opta por unha cobertura responsable. Non o sei, como tampouco podo calcular o sufrimento de quen limita todo a un único acto, a esa estraña perturbación que esgota a enerxía dun só golpe. Talvez sexa un acordo que deriva dunha reflexión fría e obxectiva, dunha chamada cega da natureza, dun impulso biolóxico, dunha culpa íntima, dunha poderosa forza autodestrutiva... Quen o sabe?

O contaxio talvez veña motivado nos medios por un mal enfoque, superficial e morboso, onde se especule e se abunde nos detalles. Pero se se fai con sensibilidade, ofrecendo unha rede de axuda para esas persoas que están a piques de intentalo, podemos evitar un suicidio que, fundamentalmente, é un fracaso para todos nós, que nunca deixaremos de nos preguntar que poderiamos ter dito ou feito para que o ser querido non tirase a vida.