Unha cultura do odio ao diferente

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O eurodeputado de Vox Hermann Tertsch usa Twitter coma quen usa unha metralladora; quizais por iso lle escapou hai uns días un chío no que lle pedía ao Goberno que sacase o Exército español para «impoñer orde constitucional». Así, sen filtros. Que o que hai que facer é pegar tiros, toque de queda: pon as mans detrás da caluga e pégate á parede, que te vou cachear. Só lle faltou engadir un sonoro «¡¡¡Quieto todo el mundo!!!» para que o desbarre fose completo. Foi ler os seus chíos no Twitter e empezar ver eu a realidade en branco e negro e comezar a sentir dentro da cabeza, sen que non se me fose en horas, a sintonía do NO-DO, xa saben, esa especie de Wikipedia nostálxica na que se informan algúns ultimamente.

O argumento -é un falar- do eurodeputado de Vox é que é o que farían «muchos países europeos». A ver, eu non son un campión da xeopolítica do Vello Continente, pero o normal nos países europeos non é sacar o exército a poñer orde, como el pide, cando teñen conflitos máis ou menos barulleiros. Durante a probablemente máis gorda en Europa durante os últimos anos, a crise dos chalecos amarelos, ao presidente francés, que algo de orde constitucional e republicana sabe, non se lle deu por chamar aos tanques e ao corpo de zapadores, sexa iso o que sexa, que eu non fixen a mili (serei de todo un home para esa dereita extrema que quere volver poñer a mili obrigatoria? Obrigaranme a min, pasados xa os 50 anos, a facer imaxinarias, sufrir novatadas e todo iso que, segundo dicía o santo de meu pai, era necesario vivir para facerse un home?). Non, en Europa non se saca o exército máis que para as festas nacionais. E non en todas partes, por certo.

No chío do eurodeputado, incendiario e marcial, sinala que en España a Policía Nacional e a Garda Civil teñen as mans atadas por culpa «de un Gobierno que quiere favorecer a sus socios golpistas». Sen entrar na resolución desa ecuación metafísica que propón, o que é interesante sinalar aquí é que é un chanzo máis no espallamento dunha cultura do odio ao diferente e á liberdade de expresión que, incriblemente, foi quen de seducir a millóns de votantes en España, que lle outorgaron a esa formación máis de medio cento de deputados. Esa si que é unha desorde constitucional que non se soluciona nin coa cabra da Lexión. Porque, non desenfoquemos, se hai algo antisistema, radical, incendiario e que crea desorde é a formulación política que defende ese xenio do Twitter. Nostálxicos dunha realidade, cría eu, felizmente superada.