Nós/Vox

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

14 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Observo primeiro a estampa vertical, o rostro tenso de Ortega Smith, e despois algún dos retratos ou pulcras figuras de Castelao. Escoito a voz potente pero serena do petrucio Otero Pedrayo nos seus discursos, todos frondosos, e despois o timbre marcial de Santiago Abascal. E sei que non nos parecemos. Vox e Nós. O pronome serviu para significar un dos momentos elevados da brillante historia cultural de Galicia: a Xeración Nós. E digo brillante porque coñezo o pretérito da cultura galega, probablemente unha das máis significadas de Europa, aberta e cosmopolita, épica, froital (pola súa dozura) e poderosa. Sirva como exemplo o último Nobel de literatura outorgado a España. Foi para un galego, o mestre Camilo José Cela: prosa robusta e formidable. Cómo negar que Cela forma parte de Nós, da cultura galega: deixounos a mazurca (para dos muertos) do interior, a madeira de buxo (boj) da costa da Morte ou as xeografías máis bucólicas do Ulla. Celebramos estes días o seu trixésimo aniversario mentres unha parte de Cataluña, que non posúe Nobel ningún, prosegue interpretando o seu canto maléfico. Aí Vox tomastes aire. O helicóptero das valquirias sobre o Escorial tamén axudou. Sodes a obra perfecta daqueles interesados no seu ego (os novos narcisos: eses que pactan, entre cínicos abrazos, o que antes non pactaron) e non na prosperidade de España. Nós, non. Pobo bo e xeneroso: himno de Nós. Nós sacamos peito por ser como somos. Nós, con dous idiomas e dous mares. Nós emigrantes e hospitalarios. Nós, con autonomía e autónomos. Nós, diferentes e amigos das diferenzas. Por iso Vox, en Galicia, non posúe nin un concelleiro, nin deputado, nin senador. Que orgullo sinto por Nós!