Suspiros de España

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Rubio - Europa Press

12 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Haberá Goberno progresista nesta neodemocracia. Necesítao o PSOE porque non pode ir a outras eleccións. Necesítao favorecer o PP, sen dúbida, para defenderse do alento de Vox na caluga. Necesítao desesperadamente Podemos e quéreno todos os rexionalistas, nacionalistas e independentistas e tamén Teruel e mais Madrid. Quen teña dúbidas que lea un pouco de historia da Europa dos anos trinta, da España da Transición e o libro do noso compañeiro Núñez Seixas, laureado co Premio Nacional de Ensaio e titulado como o pasodobre que encabeza este artigo.

Tanto se preocupou o Estado español central polos nacionalismos litorais -mal chamados periféricos- que esqueceu o centralismo de vella orixe borbónica, de nova planta, intendentes e vías radiais. Tanto se ocuparon os intelectuais e historiadores centralistas de desmontar e lembrar relatos construídos hai cen anos polo nacionalismo catalán, vasco e galego que esqueceron na mesma medida os do español; e canto máis se atacaron os discursos das nacións litorais, que pugnaron polas súas versións cívicas nas loitas democráticas do século XX, máis se esqueceu o do centro castelán caído no pozo sen fondo do totalitarismo franquista despois da guerra.

Ignorouse que a versión nacional española que chega a nós non é a histórica dos centralistas republicanos como Salmerón, nin dos federais como Pi i Margall ou Companys, erradicadas política e militarmente e esquecidas -agás na memoria popular-, senón a do nacional-sindicalismo falanxista mesturado con catolicismo integrista. Porque o de nacional-catolicismo que tanto se usa foi creado -por certo, na abadía de Montserrat- para criticar á igrexa colaboracionista franquista e fixo fortuna entre os non avisados, pero sobre todo entre os moi avisados, para ir substituíndo as referencias do falanxismo na denominación do réxime. De tanto criticar a invención do nacionalismo doutros moitos acabaron pensando que o nacionalismo de Estado era tradición democrática e verdade histórica por decreto.

Tanto se criticou ás linguas litorais e á súa «normalización» e tanto se reforzou o castelán como idioma común para uns, ameazado para outros, perseguido para os máis fantasiosos, que cando miramos atrás aquela lingua que tan ben coñecemos todos xa non se chama castelán, senón español, mentres as (poucas) profesoras que explican matemáticas en galego en Galicia son ameazadas cun expediente.

Tanto se criticaron as culturas e identidades diferenciadas deste Estado plurinacional, nación de nacións ou unión de reinos, que de súpeto reapareceron os señoritos franquistas, agora de cor verde, coa súa idea de unidade nacional, de democracia orgánica de familia, municipio e Estado, co sindicato substituído por «emprendedores» con MBA, pero coa mesma vocación de autarquía dos fascismos orixinais e incorporando a máis noxenta xenofobia desta época. O monstro aínda é confuso, pero xa é menos descoñecido. Despois do debate da campaña de súpeto saltaron as alarmas e descubrimos que o problema non estaba na democracia, senón nos contrarios á democracia. Tanto se abonou o terreo que cando Vox puxo en prosa o que outros dixeran en verso moitos déronse conta da fondura do erro.