Cría corvos e verás

OPINIÓN

11 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chama a atención que os dous principais partidos da dereita teñan por golpistas a certos partidos independentistas (que ningún golpe de Estado deron) e non lle merezan o mesmo criterio un partido que o pasado día 5 se declarou abertamente contrario á Constitución, por boca do seu presidente, e descoñeceu a división de poderes do Estado. A supresión das autonomías, á marxe do que dispón o Título VIII da Constitución, a ilegalización do que pola súa conta denominou partidos golpistas, a detención e esposado dun presidente autonómico, que só incumbe acordar ao poder xudicial, entre outras lindezas que os medios teñen xa sinalado, demostran ben ás claras que o golpista, ao menos en grao de tentativa, é o señor Abascal. A súa intervención non puido ser máis clara.

O desconcertante do caso é que PP e Cs alcumen de golpistas a formacións políticas que están moi lonxe de selo e non só non o fagan respecto de Vox senón que pactan e acordan con eles en igualdade e, ademais, contribuíndo ao que en Europa ninguén entende: a branquear unha opción claramente fascista.

Ao meu ver, só a bisoñez política dos responsables de PP e Cs, ou unha présa pouco meditada por chegar por atallos ao poder, sen meditar as consecuencias do que ese branqueado supón na práctica, pode explicar unha cohabitación que ninguén en Europa podería entender. Xa hai que andar mal de memoria.

Tratar de simplificar a complexidade é enganarse e enganarnos. Estamos vendo en Madrid e en Andalucía, por exemplo, que a dereita se está subordinando a moitos dos criterios fascistas e golpistas, claramente expostos o pasado día 5 á toda a audiencia do país. Ao parecer, hai un golpismo que rexeitar e outro que compartir, porque convén. Cría corvos e sacaranche os ollos -e tamén os nosos, os de todos.