Hai nunha boa parte da sociedade unha sensación de fastío xeral co tema catalán, coma se estivese condenada a vivir a mesma realidade unha e outra vez. A opinión endureceuse de tal xeito que un xa pensa que nada pode neutralizar a rabia e esa constelación de odio que se instalou sobre o independentismo catalán. A hostilidade mesmo medrou até o punto de desprezar a quen poida amosar a mínima comprensión co feito catalán e os seus sentimentos.
Nesta historia non hai ángulos rectos, nin certezas definitivas. Pero golpear unha idea non a fai desaparecer nin lle pon límites a un soño, por moi delirante que este lle poida parecer. Nesta liña, cun arrepío de desánimo, escoito a algún político que, cunha alegría insensata, volve suspirar pola aplicación do 155, sen prever as consecuencias, ou pensando precisamente que estas poidan favorecelo nesas eleccións que, de novo, están aí. Pero non fai falla ter un especial sentido da anticipación para sospeitar que, mentres non pase o 10-N, a conversa entre o Goberno español e o catalán non será posible. Sabemos que o odio e a ofensa xa están construídos e non haberá reconciliación nin se resolverá o problema mentres non se poña o foco na vontade desa metade de cataláns que, pacificamente, se botan á rúa. A política non pode seguir cravada no pasado, e a realidade non ten por que ser sempre a que se axuste ás leis. Pensemos á inversa e preguntémonos se as leis non se poderían axustar á realidade, mesmo buscándolle acomodo nunha Constitución que xa ten os seus anos. De non ser así, estaremos sempre no mesmo punto, coma no día da marmota.