Unamuno na ollada de Amenábar

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

25 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mientras dure la guerra, de Alejandro Amenábar, malia o seu título, non é un filme, no esencial, sobre a Guerra Civil española; é un filme sobre a personalidade, en principio desconcertante, de Miguel de Unamuno (1864-1936). Creo posuír un certo coñecemento desta figura intelectual, pois, nos anos mozos, fun unamunófilo, e, pasado o tempo, teño feito incursións en parcelas da súa obra pouco polémicas (as páxinas filolóxicas) ou en capítulos da súa biografía que seguen a interesarme, por exemplo, a etapa en que foi militante do PSOE (1894-1896) e colaborador do semanario vasco La lucha de clases, xa catedrático de Grego na Universidade de Salamanca. Lembro agora que nos meus anos máis unamunófilos ignoraba que un profesor meu de Literatura Española na Universidade Central, o catedrático Francisco Maldonado de Guevara (apaixonado e documentado cervantista), fora unha das voces que cuestionou a Unamuno no verán do 36. Nunca nos falou na clase de Unamuno, nin sequera dese devocionario que don Miguel titulou Vida de don Quijote y Sancho (1905).

É fundamental no filme de Amenábar o episodio do paraninfo da Universidade de Salamanca, data na que o franquismo incipiente celebraba a Festa da Raza, que xa era celebrar. Alí, os oradores eclesiásticos e civís (entre eles, o meu futuro profesor de Literatura) arremeteron contra Cataluña, contra o País Vasco, contra a Anti-España e outros tópicos moi frecuentes, anos e anos despois, na retórica franquista. Unamuno, antes do Dezaoito de Xullo, xa renegara estridentemente da República, que o destituíu como reitor honorario, loureiro que lle devolveu axiña o Réxime dos sublevados aos que o ilustre profesor foi leal nos dous primeiros meses, un tempo no que soubo de represalias, sen excluír o asasinato de persoas honorables moi amigas del. Con esta xenreira no corpo, ergueuse no paraninfo para disertar sobre un xogo de palabras moi do filólogo que era: «Venceréis pero no convenceréis». Había que ter toda a entidade espiritual de don Miguel para proclamar ante aquel auditorio, in partibus infidelium, semellante provocación cuxas consecuencias nin el mesmo supuña.

Provocador foino sempre, tamén cando renegou da República de don Manuel Azaña («un escritor sin lectores», anécdota que non se lle escapou a Amenábar). Provocador e acotío unha miguiña histrión foino moitas veces, afeito a «clavar el ornitorrinco de su yo» (palabras de Ortega) onde fose. Pero no discurso do paraninfo hai unha valentía moral suprema e, quizais, un afán de rectificación. Porque Unamuno, o individualista Unamuno, con tantos admiradores como escritor, antes do Dezaoito de Xullo, narcisista que era, non viu claro o que eran os preliminares do golpe militar-fascista nin calibrou o significado das súas críticas ao réxime republicano. Amenábar conta filmicamente moi ben o drama de Unamuno, incluso cando non é moi preciso ante certos datos históricos. Téñase en conta que Mientras dure la guerra é un relato literario filmado, non un tratado de historia.