Esperando a Godot

OPINIÓN

Quique García

21 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O noso momento político ten algo de peza de teatro do absurdo. No escenario hai, ao menos, seis personaxes que procuran, non un autor, pero si un entendemento indispensable para seren o que queren ser -esperan que Godot lles dea sentido-, pero que non hai maneira de que chegue por máis voltas e revoltas que dean no escenario.

Dous deles son os actores principais: son os que teñen que poñerse de acordo, porque se chega a habelo entre eles, poderán facer goberno, un goberno para unha tarefa que non se sabe ben, pois un dí que fará tal cousa e o outro que vai facer tal outra. Dan voltas e máis voltas, pero non concordan na tarefa, Os outros catro personaxes escachan a rir e gozan ao ver como se esnaquizan entre eles.

Uns e outros -os que están no escenario e os espectadores en permanente desconcerto- teñen moita paciencia, seguen esperando o acordo, atentos aos xestos dos actores principais, nuns momentos con esperanza de ver que poden chegar a un acordo, pero a seguido coa frustración de ver que esa esperanza se esvaeceu.

O desgoberno semella ser o único a que se pode chegar: as posturas numantinas duns e doutos non deixan lugar para a esperanza. ¿Qué facer? Godot está lonxe, se é que está nalgures, e os espectadores desta peza empezan a dar berros con aldraxes contra os actores principais, entre as gargalladas dos secundarios.

Os abraiados espectadores resolven voltar para as súas casas pois Godot, polo que semella, é algo que non é este mundo. A diferenza da peza de Brecht, os espectadores móvense e vanse tristes, cansos e esfolgaxados ao comprobaren que foron enganados, unha vez máis. E algúns vanse rosmando polo baixo que non hai dereito, outros polo alto berran que «Nunca máis», e o resto sae xurando en arameo mentres cae o telón.