O desprezo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CARL RECINE | reuters

17 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Era unha novela de Alberto Moravia: O desprezo (1954). Nove anos despois da súa publicación, Jean-Luc Godard filmou unha película partindo dela. Eu quedo coa novela. É tan amarga, mesmo na súa ironía, que tanta amargura produce luces: «O amor pode facelo todo e tamén o contrario de todo», dixo Moravia. Hoxe escribo dende a tristeza. Non por min, senón por Cataluña e por España, ou sexa, por Nós. Polo meu equipo: confésome unha vez máis. Confésome e desculpen os intelectuais, colegas, funámbulos de le mot juste (Flaubert), a miña estúpida paixón blaugrana. Son (sinto) do F. C. Barcelona, e así será mentres o mar sexa mar. Resulta irracional. Pero hai verdades contrarias á razón, desafortunadamente. Son (sinto) do Barcelona a pesar de soportar a Guardiola dando leccións de moral sentado no seu cofre de multimillonario. El, no fondo e na superficie, desprézanos. Desprézame. E non hai nada máis doloroso que o desprezo: lean a Moravia. Lembro as palabras guardiolescas no Nou Camp, no seu primeiro campionato de liga: dedicáballe o título aos «ciutadans de Catalunya». Nin se acordou dos que somos cidadáns de calquera outra parte do mundo. El, como Xavi Hernández, glosa beizóns a Qatar: ese país tan democrático que ata encerran aos homosexuais ou consenten o maltrato ás mulleres. País onde os delitos cometidos na súa Catalunya reciben outras condenas. Nin as cito. Só cito o desprezo. Que é tamén unha condena. O desprezo que eles senten por Nós, e pola convivencia e as leis, algún día trocará de signo. Agora mesmo son moitos os que desprezan este delirio, violento e falso, independentista. O amor pode facelo todo e o contrario de todo. O desprezo sempre regresa.