Volvendo ao de sempre

OPINIÓN

14 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunhas recentes declaracións, Pérez-Reverte tivo a ocorrencia de soster: «Estamos siendo desangrados para pagar 17 disparates autonómicos». Ve todo tan escuro que non dubida en dicir que se iría deste país se tivese trinta anos, pero que, á idade que ten, quere ver «cómo acaba todo esto». Pérez-Reverte sabe de sobra que ben próximos a nós están Estados como o suízo, o alemán, o canadense ou o dos EUA, non autonómicos pero si federais, e, que saibamos, nin se desangran nin de lonxe o esperan; antes ben, son Estados fortes, ben organizados, con democracias ben asentadas e nos que os seus habitantes se senten na súa casa, cousa que aquí, polo que o propio Pérez-Reverte suxire, dista moito de ocorrer. O citado escritor e académico tampouco ignora que as autonomías contribuíron, e de maneira decisiva, á modernización e á estabilidade do país. E máis dunha vez foron indispensables para a gobernabilidade do mesmo, cousa que é difícil que ignore unha persoa dedicada á cultura, ou polo menos á escritura. Se isto é así, temos que pensar que algo lle pasa ao citado: non sabemos se se trata de que non pode saír dos tópicos ao uso -o que custa concibir no seu caso- ou se, ao mellor, é que padece do medo irracional deste país ao Estado federal, que con tanta claridade denunciou Sánchez-Cuenca como característica da idiosincrasia española.

O que, unha vez máis, nos leva ao que nun libro que anda por aí -e desculpen a autocita, pero penso que cadra- no que diciamos que todo o noso problema político, nun país tan asilvestrado, se reducía a civilizar España. Foi feble a Ilustración, perduraron moito a Inquisición e o franquismo e a Europa chegouse moi tarde. Por iso navegamos escorados.