Venceredes, pero non convenceredes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

jose suarez

05 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Si convenceron. Ese é o drama da ditadura que, non contenta con desaloxar pola forza un goberno elixido nas urnas no 36, puxo en marcha moito antes de Internet as fake news. A súa foi unha gran campaña de márketing coa que construíron un relato que mesmo os sobreviviu trala Transición, cando se puideron evitar as chuvias que trouxeron estes lodos. O franquismo logrou eliminar toda a memoria da lexitimidade republicana e pintar con cornos e rabo todo aquilo que recendese ao adversario que, debidamente silenciado en cárceres e campos de concentración, pasou a ser definido coa retórica do NODO, tan falta de contido como chea de mala baba.

A boutade de Unamuno que titula esta columna fallou. Convenceron tanto que o corpo do ditador descansou corenta anos máis no local da memoria manipulada, un monumento que os prisioneiros de guerra tiveron que construír para amosar o impune poder do relato franquista, baseado no odio psicópata ao adversario. Convenceron mesmo a catro presidentes da democracia, que os mantiveron no indigno lugar que a retórica dos vencedores ideou para explicar que merecían ser escoria. Pero os seus netos están vivos e saben a verdade.

Levar a Franco descansar a un lugar discreto, por iso, é un xesto que restitúe a dignidade de persoas demonizadas como resultado da obsesión vingativa dun ditador. En realidade, ninguén perde nada por soterralo nun cemiterio normal, pero os demais cadáveres do Val dos Caídos merecen recuperar o relato que o fascismo lles quitou. E este estúpido debate demostra que non aprendemos que é unha vergoña a influencia da familia do ditador sobre as institucións do país que o sufriu, nin asumimos que as vítimas da ditadura merecen xustiza, aínda que sexa poética.