Non se esperan dimisións

OPINIÓN

23 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo máis próximo a nós pasa por unha situación política na que o baixo nivel é a súa característica máis manifesta, incluídos países de tanta tradición como o Reino Unido. Nunca se tiña chegado a unha xeneralización tan acusada e crecente da vulgaridade, e, paréceme, da inutilidade de tantos políticos. O caso español, por esperpéntico que pareza, non é moi diferente, agás algúns matices, do que ocorre nos EUA dende que están presididos por un badocas, nin do que ten pasado e pasa en Italia, nin do que está sucedendo na Gran Bretaña, país de excepcionais políticos para as máis graves situacións; e, en maior ou menor medida, nos demais países, sen esquecer a complexidade política da mesma Unión Europea.

Pode que unha diferenza nosa cos demais países afíns estea na evidente frouxidade dos líderes, case todos figurinos máis ca políticos, non só incapaces de obter unha licenciatura, un doutorado ou un máster coma todo o mundo, senón que nin sequera lles dea vergonza a algúns deles conseguilos por tortos ou inconfesables procedementos.

Consecuencia lóxica de todo o anterior é a situación política que estamos padecendo: incapacidade política para facer política, que non é outra cousa que non ter habilidade para pactar, para chegar a acordos, para equilibrar intereses, que non para outra cousa foron elixidos pola sociedade, a cal, por iso, máis cada vez se afasta deles.

Outra diferenza co noso contorno, cando menos nas formas, está en que alí dimiten os políticos que fracasan, pero aquí, entre nós, dimitir é un verbo que non se conxuga, que non está no vocabulario nin nos usos políticos. Son algunhas diferenzas, e de certo alcance, co noso mundo de arredor. Non hai dúbida de que, infelizmente, seguimos sendo diferentes.