Abúrrome

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Homer Simpson tiña unha frase contra impertinentes e pedantes: «I’m bored». Debe soar en castelán, «Me aburro», con marcada sinalefa, e retintín un tanto agudo. É utilísima para comidas familiares, comezos de curso, reunións e encontros con eses amigos que che zafrean as súas vacacións de axencia de viaxes. Reprimir o Homer que levamos dentro é, en realidade, un dos obxectivos de todo o aparello socializador, porque a vida sería moito máis feliz, pero tamén máis difícil, se soltásemos meaburros sinceramente, con esa capacidade tan del de darlle un grolo á Duff despois de dicilo e seguir mirando atentos a quen nos aburre, agardando que pare esa farsa tediosa que fai medrar en nós unha certa psicopatía.

Se puidésemos levar unha especie de buguina co meaburro de Homer gravado e poñérllela a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias cada vez que ollan todos serios á cámara e nos contan milongas... Se puidésemos poñer un Homer Simpson ao pé de Feijoo cando se coloca detrás do atril e, afectadamente, bota balóns fóra con frases entre as que, no sopor, só distinguimos «sanidade», «déficit», «subcontrata»... Se puidésemos colocar ao señor Simpson como tertuliano de cabeceira dos medios de comunicación para que dese atinadas respostas tipo «Un donut de chocolate» ás estúpidas reflexións dalgúns xornalistas... Se puidésemos outorgar o Goberno a Homer Simpson, coa súa soberana estupidez e o seu marabilloso sentido práctico, seguro que nos ía mellor.

E, entre tanto, chámenlle fastío postestival, pero eu abúrrome coma unha ostra, e vou empezar a guindarlle o meu aburrimento a todo aquel que trate de convencerme de que hai algún sentido en aturar aos mencionados zoupóns que nos desgobernan a alegría.