JEREMY HARBECK / NASA

A crise ecolóxica global ten un vello diagnóstico científico

12 sep 2019 . Actualizado a las 12:20 h.

O capitalismo está alporizado e por iso é tan perigoso, e seguramente por iso a súa evolución é máis impredicible. O quecemento global quitouno dos gonzos e non sabe como reaccionar. A crise ecolóxica global ten un vello diagnóstico científico. A crise do petróleo en 1973 deulle aspecto contable ás chamadas de atención de investigadores como Lovelock e Margulis e por iso nos anos setenta as solucións propostas foron rotundas. Porén as solucións aplicadas foron parciais: enerxías alternativas, medidas para paliar excesos contaminantes, moratorias nucleares, preocupación pola biodiversidade ou a Amazonia, etcétera. A ideoloxía do progreso continuado do capitalismo axiña recuperou a confianza mentres reconvertía as ameazas mediante cambios semánticos, e así pasouse do ameazador diagnóstico sobre o quecemento global á definición máis neutral de cambio climático; tamén as solucións substantivas foron convertidas en adxectivas. Da noción de sostibilidade global pasouse á de crecemento (que non falte) sostible. Recentemente, a nova noción de economía circular resulta tamén máis amable que a de transición ambiental.

Fuxindo do vello modelo industrial contaminante e depredador de recursos naturais (materias primas) avanzouse polos novos camiños da revolución das comunicacións no que chamamos era dixital. Pero ás veces os problema só mudaron de escala ou de continente: o consumo de terras raras prolonga a depredación mineira e as vellas ideas modernizadoras e desenvolvementistas seguen ben asentadas, tanto como os seus intereses. O consumo do territorio acelerouse e os megaproxectos forman parte da nova economía global. Nas últimas décadas a expansión da navegación aérea e a revolución dos voos a baixo prezo democratizaron unha contaminación global pola vía do consumo de masas. Recentemente, os polos -sobre todo o norte- preséntanse como a última fronteira para a explotación de recursos naturais (minerais, gas, petróleo...) e novas vías de comunicación.

Mentres isto acontece, nunha parte pequena do mundo, e coas mellores intencións, algúns moi concienciados pretendemos solucionar os problemas globais só con achegas persoais, eu reducindo o consumo de plásticos, algúns deixando de comer carne, outros reducindo o consumo de auga. A toma de conciencia sobre os problemas ambientais percorre moitos e bos camiños diferentes. Nisto estabamos cando chegaron Trump e Bolsonaro, dispostos a acompañar a Putin e a quen mande na China na disputa polos recursos globais e na negación -agora xa- entusiasta do quecemento global. O escenario non é moi alentador, sobre todo se temos en conta a historia do tempo de capitalismo. A combinación de crises económicas e políticas levou a dúas guerras inmensas no século pasado. A disputa estratéxica polos recursos para o crecemento económico sempre foi o pano de fondo. En 1914 rematou unha época de globalización arrebolada, baseada no colonialismo, da que 1939 foi en certo modo unha reedición. As ideas keynesianas saídas da primeira posguerra foron a doutrina dominante despois da segunda. Hoxe o problema é outro e temos máis coñecementos e experiencia para afrontar as solucións. Querendo.