O que lle pasa ao rico

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez, cando era pequena, oínlle dicir a un ancián que: se non lle pasa a un rico, non importa. Daquela non entendín a ironía, aínda que, por algunha razón, quedou gravada a frase. Hai tempo que lle dei a razón.

Semella que ás persoas relevantes non lles pasa nada na vida. Que se opera alguén do corazón? O que importa é como van vestidas as súas netas á visita, e temos páxinas e páxinas para comparar os estilismos de cada unha, que é o que importa. Ou, se é o caso, facer unha análise de como baixan do coche quen o vai visitar. É moi importante saber se miran a un lado, a outro, van acompañados ou, por suposto, se abren a porta ou agardan a que alguén o faga por eles.

O importante. Coma se non fosen humanos e non tivesen sentimentos e o único do que preocuparse é da foto que lle van facer. Claro que, ás veces, a traxedia tende a súa sombra sobre eles. E, por fin, o pouco de humanidade que nos queda, sae á luz. Saben cantas reportaxes sobre sarcoma ou cancro infantil tiven a oportunidade de ver ou ler estes días? Moitos. O único bo de todo isto é darlle visibilidade a certas doenzas. Porque eu non podo nin imaxinar a dor que crea a perda dun neno. Unha desas inxustizas da natureza que van en contra da lei de vida. Insufrible.

Pero téñennos que dar unha labazada para que reaccionemos. Ao longo do ano hai mil temas dos que informar, mil reportaxes que facer, centos de investigacións pendentes... Pero, se non lle pasa nada ao rico, é coma se non existise. E iso tamén é moi inxusto.