Concellos infelices

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

01 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A calidade de vida dun país mídese por moitos factores, tamén polo número de bibliotecas públicas coas que se conta, polo número de librerías por habitante ou polo gasto medio en cultura das familias. En todos eses índices, Galicia atópase moi por debaixo da media do resto de España, como demostran todos os informes (algúns tan pouco perniciosos como os do Consello da Cultura Galega), polo que non é esaxerado afirmar que, polo tanto, a calidade de vida das e dos galegos, nese aspecto, deixa moito que desexar. Así como podemos presumir de moitas cousas, a marca Galicia, se tal cousa existe, naufraga nese ámbito.

Estes días liamos o informe da Asociación de Profesionais de Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia. Malia recoñecer que a actual Xunta pon en marcha actividades que contribúen a paliar os malos resultados, en xeral a situación é terrible. Tanto que dos 313 concellos que hai en Galicia 78 non contan con biblioteca pública. Lean o dato con calma, porque é demoledor. Pero hai máis. Hai tres anos había dez puntos de atención bibliotecaria máis que agora. Así que, en troques de mellorar, a situación empeora. O resto do informe insiste no mesmo: en Galicia hai menos socios de bibliotecas públicas que na media do Estado, cóllense menos libros ca noutras comunidades, etcétera.

Dicía Borges que concibía o paraíso coma unha biblioteca. E deixou escrito tamén: «La lectura debería ser una de las formas de felicidad». Reparen vostedes nesas dúas referencias á felicidade. O paraíso é unha biblioteca. Unha das formas da felicidade é a lectura.

Non pensen vostedes que este editor e escritor está tentando levar a auga ao rego do seu muíño. Volvo ao comezo: a Unesco e outras entidades independentes a nivel internacional colocan as políticas de lectura públicas, a presenza (ou, para o caso, a ausencia) de bibliotecas públicas e a proximidade das librerías como índices de calidade de vida. Están ben as autoestradas, os plans hidroeléctricos e o que vostedes queiran, pero é necesario, tamén, que haxa bibliotecas preto da cidadanía. Porque un pobo cun alto nivel cultural (e que existan ou non bibliotecas ten moito que ver con iso) é un pobo que xa non só é máis culto (iso é obvio), senón que ademais é máis solidario, responsable politicamente, crítico e, en definitiva, vive mellor.

O ano que vén hai eleccións en Galicia. Quero eu saber cantos dos nosos candidatos e candidatas van facer énfase na cultura. O que demandamos é o de Borges. Queremos ser felices. E, para iso, necesitamos bibliotecas.