Bos amigos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A amizade é un tesouro. É unha lotaría coma outra calquera. E, coma en todo azar, hai que ter sorte. Depende de quen cruces no camiño, de quen che toque ao carón, de quen un día se te achegue.

 Se pasa pola túa porta unha boa amizade, ábrella. Non é sinxelo atopar bos amigos, dos de verdade. E ser un bo amigo, ás veces, non é nada sinxelo.

Leo na prensa que un home mata á súa muller e chama a un amigo para desfacerse do cadáver. Este, en lugar de ir no seu auxilio, como é un bo amigo, o que fai é alertar á policía. Porque os amigos tamén están para que nos digan as cousas que facemos mal, para que pensen distinto ca nós e nos fagan medrar, para que nos coiden cando o precisemos e para que nos vixíen a saúde cando esta falla, sexa física ou mental.

Por iso este bo amigo o que fixo foi dar conta do asasinato cometido. Que difícil, non? Ten que ser duro, un impacto brutal, coñecer que o teu amigo acabou coa vida da que, ata entón, era a súa compañeira de vida. Quizais ata se sentiu culpable, por non saber ver os sinais, ou por calalos, por non actuar... Claro que esa parella xa estaba «fichada». El aparecía no rexistro de agresores e ela no de vítimas.

Isto lémbrame á nai e ao fillo que hai uns días se tiraron dunha ponte, despois de percorrer máis de mil quilómetros para afastarse do seu agresor e pedir axuda. Ás veces é difícil dicir «socorro». Podo comprendelo. O que xa me custa máis é saber que, unha vez denunciado, siga todo coma se nada.

As mortes seguen. Algo vai mal.