Contradicións de cada día

OPINIÓN

19 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O anarquista francés Charles Malato escribiu que «a ignorancia das masas é a principal forza dos gobernantes», afirmación que, dende o punto de vista dun anarquista, non parece desavida. O que ocorre é que, ao mellor, unha frase que pode semellar feliz ou enxeñosa na realidade tamén pode resultar non tan feliz nin tan enxeñosa. 

As masas, é cousa sabida, teñen hoxe máis información ca nunca, máis, e de moi fácil acceso. O que non quere dicir que teñan unha información útil e eficaz -estar ben informado custa tempo e moita capacidade de análise-, nin tampouco que, por ese feito de ter información a esgalla, a súa cultura teña mellorado. As masas seguen sendo preguiceiras, non só se deixan levar, senón que esixen seren levadas.

¿Como se explica que as masas voten, aquí e fóra de aquí, por opcións políticas que claramente van en contra dos seus intereses máis vitais? Trátase dun feito ben coñecido, sempre moi comentado e case nunca ben resolto, xustamente porque non ten moi doada explicación -pois votar en contra dos propios intereses semella tolería-.

Pode que a explicación sexa que a xente común non pode dixerir tan prolixa e contraditoria información como hoxe chega á sociedade moderna. Polo que moi ben podería ocorrer que esa sociedade sexa aínda menos culta, non mellor informada e pode que máis deformada ca ningunha outra anterior.

Se ademais resulta que, en xeral, a sociedade prefire que outros pensen por ela, que non se lle veña con problemas, que xa elixe aos que mellor lles parece, pode que a fraseciña de Charles Malato non sexa tan desavida. O problema, pois, non é pequeno, porque, ao cabo, é un problema de cultura, de cultivo da personalidade total, cousa que á política hai tempo que lle deixou de importar. Infelizmente.