Galicia agarda para poder ser traballada

roberto garcía THOM

OPINIÓN

18 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A limitada superficie das explotacións é un problema básico da agricultura galega. Tan só un 22 % das terras están ocupadas por cultivos e prados cando potencialmente poderían duplicar esta superficie, como ocorre nas comunidades veciñas de Asturias e Cantabria, que teñen ademais unhas maiores limitacións topográficas. Por conseguinte, non é un problema de falta de fincas, senón de baixa utilización. 

Esta escasa dispoñibilidade de terras limita as producións e as rendas dos agricultores pola elevada dependencia na compra de alimentos do gando, xa que as producións agrícolas só logran cubrir unha parte moi reducida do noso consumo, cando as condicións do noso clima permitiría abastecer a maior parte destes produtos, como ocorre noutros países similares ao noso, como Francia, que ademais dunha potente gandería, ten tamén elevadas producións en cultivos; e Holanda, que tamén destaca pola súa horticultura.

Esta situación foise agravando nas últimas décadas, ao quedar abandonadas ou plantadas de eucaliptos boa parte das terras das explotacións que cesaban na súa actividade, cando a superficie agraria era básica para poder ampliar o tamaño das explotacións que permanecían activas. A falta de medidas para corrixir esta situación levou a un notable deterioro da situación nesta última década, cunha perda de 120.000 hectáreas na superficie de cultivos e prados, tal como o reflicten as dúas últimas enquisas de estrutura das explotacións. Estes datos son especialmente preocupantes, dado que unhas 90.000 hectáreas corresponden a caídas de uso sufridas polas explotacións de leite, cando para ser máis independentes cos seus propios recursos necesitarían contar con outras 100.000 máis.

Para favorecer a transferencia de terras entre as explotacións que abandonan e as que continúan activas é necesario contar con medidas que posibiliten o arrendamento e unha ordenación de usos que protexa as terras agrícolas, tal como teñen establecido diversos países europeos. Desgraciadamente, estas medidas de política agraria non se aplicaron nas últimas décadas, cando en Galicia eran máis necesarias que en ningún lado por partir dunha situación de pequenas explotacións e cunha elevada fragmentación en parcelas. Nos máis de 45 anos da nosa autonomía tan só se aprobaron dúas medidas que promovían estes cambios, como son a lei de montes veciñais en man común e a do Banco de Terras, precisamente nos dous únicos períodos nos que non gobernaba o Partido Popular. O resto do tempo tan só se realizou unha lixeira revisión da lei de concentración parcelaria e non se apoiou a aplicación das outras dúas normativas.

Esta situación precisa da aplicación urxente de medidas para resolver situacións concretas como as indicadas na reportaxe publicada fai uns días en La Voz de Galicia: as dificultades que teñen para arrendar terras as explotacións que as precisan para poder ser viables e a necesidade de vincular as axudas da PAC aos usuarios das terras e non aos seus propietarios.

As accións máis urxentes son establecer medidas de respaldo aos arrendamentos, apoiar as iniciativas dos agricultores para a concentración de terras, que está incluída na lei de concentración, pero que é marxinada pola Xunta, e aplicar a normativa existente que limita a forestación de fincas agrarias. Estas medidas deben ser complementadas por unha lei de ordenación de terras e unha aplicación máis eficiente nos traballos de concentración parcelaria, tanto nas súas prioridades de actuación coma na execución dos traballos. O actual Goberno da Xunta debería dar conta da situación existente e das actuacións realizadas nestes dez anos; os seus novos proxectos perden credibilidade se antes non se renden estas contas.