Auga para todos

Francisco Díaz-Fierros Viqueira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Sindo Ganderela

13 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o ano 1993, o 22 de marzo celébrase o Día Internacional da Auga para lembrar a importancia que este recurso ten para as nosas vidas. Aínda que pasaran xa algún meses, sempre é bo momento para reflexionar brevemente sobre os principais problemas que están implicados no seu uso e coidado, así como ollar cara ás súas solucións.

Comezando cos usos da auga no ámbito mundial, habería que sinalar que neste século os sistemas de potabilización experimentaron ata o 2015, sobre todo nas poboacións máis desfavorecidas, unha melloría que había tempo que non se coñecía, mesmo con adiantos sobre as predicións, sempre optimistas, das Nacións Unidas. A partir desa data, considerouse que se debía adoptar un criterio máis realista para os obxectivos: non abondaba con constatar que había sistemas de potabilización e saneamento, senón que estes tiñan que ser tamén eficientes e seguros. Segundo este novo xeito de mirar as cousas, a realidade xa non resultaba tan compracente, pois tres de cada dez habitantes do mundo non tiñan un sistema seguro para obter auga potable e seis de cada dez non dispoñían de saneamento igualmente seguro. Aínda queda moito camiño por andar para que toda a poboación mundial dispoña de sistemas seguros de potabilización e saneamento para o ano 2030, que sería o novo obxectivo que as Nacións Unidas se propoñen conquistar. Posiblemente sexa demasiado pedir para os ventos de insolidariedade que corren polo planeta.

Desde o 2000, os cidadáns da UE deberiamos sentirnos orgullosos de contar co mellor sistema administrativo da auga do mundo: a Directiva Marco da Auga. Un momento decisivo para esta normativa virá a finais deste ano, cando se faga o balance oficial do realizado ata agora, para o que xa se pode adiantar que, fronte ás indubidables melloras en procedementos e obxectivos sobre a calidade das augas, mantéñense aínda importantes problemas. Os máis graves, quizais, corresponden ao descoñecemento sobre a calidade ecolóxica e química de case a metade das augas comunitarias, así como a existencia dun conxunto de países que pretenden rebaixar as expectativas desta norma. Nunhas negociacións que se agardan tensas e complexas, este lobby de Estados tenta ampliar os prazos e as excepcións para non acadar os obxectivos ambientais, limitar a capacidade dos instrumentos económicos e debilitar os procesos de participación pública. Isto significa reducir unha boa directiva a un conxunto de normas a gusto de todos.

En Galicia houbo nos últimos anos adiantos evidentes na mellora da calidade das nosas augas, pero, certamente, seguen a existir puntos negros nas rías e cursos de auga como consecuencia, sobre todo, da contaminación doméstica e mineira. Pero, posiblemente, o problema máis grave segue a ser a permanencia de dous sistemas administrativos diferentes, o estatal e o autonómico, para regular a nosa planificación hidrolóxica, o que nos leva a que as augas de Galicia-Costa e as da conca do Miño-Sil, cun anaco das do Douro e Norte, sexan xestionadas con miradas diferentes. Déronse algúns pasos cara á harmonización de procedementos e obxectivos destes territorios, pero o soño de Cunqueiro dunha Galicia única regada por dez mil ríos solidarios segue a ser iso: un soño.