Libros. Si, para ler

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

12 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que non o publicitase nas redes sociais e non colgase unha foto de todo canto fixen, fun de vacacións. Si. Só uns días, pero fun.

O caso é que nestes días vin algo que me gustou moito. O establecemento onde nos hospedabamos era tranquilo. Podía escoitarse o silencio pola noite, algo que ás veces é difícil de conseguir. Algo, por certo, moi necesario, porque eu penso que se contaxia. Os ruídos da miña cabeza desaparecen con maior facilidade se no exterior tampouco os hai. Escoitarse pode resultar dificultoso e o ambiente pode axudar.

Nesa mesma atmosfera de tranquilidade sentía unha caloriña amigable. Tardei en decatarme do que era. Algo que axudaba a manter esa sensación agradable. Eran os libros. Nas hamacas, nas cadeiras, nas pequenas mesiñas da contorna, había libros. Nas mans de case todos os hóspedes, había libros.

Si. Aínda que non o crean, lían. En distintas linguas, distintos xéneros, diferentes autores e temáticas. Pero todos libros, todas historias.

Cada un dos lectores estaban metidos nunha historia, deixando que a luz do sol os acariñase, que os botase do exterior o frío, apurando os minutos para chegar ao final da liña, do parágrafo, do capítulo.

Nenos, mozos, adultos. Non vin a ninguén fotografarse co seu libro, quizais non o puxeron tampouco nas redes sociais, pero eu vinos, estaban alí. Hai máis realidade nas historias dos libros ca en moitas redes sociais. O importante, digan o que digan, é o que vivimos, aínda sen amosar nos escaparates.

Libros, para ler e vivir.