Galiciamente

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo solpor laranxa que aviva a mar (amar) en cabo Home. Polo pórtico do Paraíso que conduce á Gloria. Por Heracles, que tiña unha torre na fin do mundo para vencer as desventuras. Polas catedrais de Lugo de arriba e do campo das estrelas. Por Pontevedra, que pedra a pedra construíu un camiño de seda cara ao ceo. Auria de Nós e Nós de en por para Auria. Polas areas de Vigo, restos do edén. Por cada anaco mínimo, minúsculo, deste país que abre de flor en flor a flor da alegría. Polos labios que bicamos e polos labios que xa non podemos bicar. Polas veces que pedimos perdón e polas mil veces que ela nos responde, sorriso de uvas, que outra vez nos volve perdoar. Por cada quérote adolescente derretido na beira do mar, no monte, en vehículo usado para usar simplemente a linguaxe das caricias. Por todas as cicatrices. Por todas as feridas. Por cada vez que perdemos e por todas as veces que nos quedan por ganar. Polos sabios, que iluminan as noites: esas que nos días grises parecen eternas. Por Breogán, aquel. Pola concordia e o consenso e as ocasións nas que coincidimos: en ti, precisamente. Pola música do mar na Fisterra, desfeitas as ondas en cuarzo contra a mansedume e os silencios e as covardías. Porque non se pode querer máis do que ti queres. Porque es matria e patria e nai e señora e filla e todas as mulleres. Por Castelao, por Otero Pedrayo e por Rosalía. Por Valle-Inclán, que foi galego en Madrid (e el nin sequera o sabía). Por Cunqueiro, que inventou Macondo. Por La Bella Otero e por María Casares. Por todo o que nos queda por celebrar. Por ti, en definitiva, lugar onde nace a fortuna e o albor. Por ti brindo a 25 de xullo. Galiciamente, terra amada.