mediados de xullo e comezan os preparativos para o próximo curso. Nas escolas infantís o máis demandado é o certificado médico. Ten todas as vacinas? -queren asegurarse. Hai medo. Antes temíase a gripe, levaba por diante. Despois foi medo á varíola, á varicela, ao sarampelo. E a ciencia e os coñecementos seguiron avanzando para protexernos. Sorprende, pois, este retroceso médico que algúns promoven. Ollo. Unha cousa é preferir aleitar que dar leite de fórmula (algo que en ningún caso debera valorar -nin sequera xulgar- máis cá nai da criatura) e outra evitar as vacinas ou incluso dar a luz na casa. Que queiramos un parto o máis natural posible? Vale. Pero teñamos en conta que, se se complica o momento, os medios estarán no hospital.
En canto ás vacinas, poñamos sentido común. Non están feitas para que se enriquezan un par de empresas. Buscan evitar epidemias que noutro tempo minguaron a poboación. Non causan autismo. Son seguras, non conteñen mercurio. Se a penicilina supuxo un avance incalculable na saúde, as vacinas pode que sexan igual de importantes. Non teñen efectos secundarios nocivos a longo prazo. Non provocan a síndrome da morte súbita do lactante. Non poden ser substituídas por unha boa hixiene. Non é mellor a inmunización pola propia enfermidade... Aínda que as doenzas poidan estar case erradicadas, debemos previr, polo noso ben e o dos demais.