Aburrimento político


Ninguén porá en dúbida que os políticos que temos merecen un doutorado en aburrimento. E non se salva ningún deles, sexan os dos principais partidos ou sexan os que manexan opcións de menor contía. É, ao noso ver, un andazo que nos domina e que semella ir espallándose e en crescendo. O aburrimento noso de cada día.

Nada debe estrañar, por grave que resulte comprobalo, que sexan os nosos políticos a segunda preocupación dos cidadáns deste país. É pouco edificante o espectáculo que están dando sobre a investidura de Pedro Sánchez, pois demostra escasa ou nula capacidade para o fundamento máis claro da democracia, que é o pacto. E se ese pacto non é posible, aínda entre forzas que se din de esquerdas, esa incapacidade moi pouco di en favor dos dirixentes das súas formacións políticas. Pola incapacidade que os negociadores demostran.

¿Serán estes conscientes do aburrimento que orixinan na sociedade, obrigada cada mañá a ler nos xornais as tirapuxas duns e doutros, os seus trocos de pullas e, en xeral, o baleiro que nos comunican, o oco das súas propostas, as escasas ou nulas razóns para non se moveren das súas numantinas posicións? ¿Como non vai ter a xente preocupación se constata cada día que deu o seu voto a unhas opcións políticas que, aínda sendo de signo non moi distante, non poden chegar a un acordo de mínimos? ¿Por que -dirán moitos- é posible un acordo máis difícil en Portugal, porque alí son opcións máis diferentes, e non aquí?

¿Incapacidade política? ¿Servidume diante de moi poderosos intereses? Pode que de todo haxa un pouco. Pero se non somos quen de encararnos cun problema político e resolvelo, mellor ou peor, haberá que pensar que ben podemos morrernos de aburrimento. Unha maneira ben triste de deixar de ser.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Comentarios

Aburrimento político