O 25 de Xullo e as palabras

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E.F.

19 jul 2019 . Actualizado a las 23:01 h.

A palabra pode servir para concertar opinións, propiciar o acordo, xerar un conflito ou un desamor. Ás veces o vocabulario resulta insuficiente para expresar a complexidade do mundo que nos deixan ver, onde os matices resultan fundamentais.

O 25 de Xullo está ben provisto de palabras, significantes e significados: Día do Apóstolo, Día de Santiago, Día de Galicia, Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega… Levou tempo concilialos todos arredor dun feito histórico, a autonomía e o seu desenvolvemento por medio do Estatuto, sen que ninguén se vira forzado a renunciar ao seu ideario. O cambio experimentado durante estes anos foi sorprendente, con peros, como sempre pasa en toda acción humana, pero cun balance netamente beneficioso para o benestar da poboación. Arestora asistimos á concorrencia dun nacionalismo español que invoca unha españa con minúscula, rancia, co obxectivo de obstaculizar a España diversa á que aspiramos unha rotunda maioría con outro nacionalismo que promove en Cataluña un procés que pretende excluírnos.

O 25 de Xullo, Día do Apóstolo, vai ser como un prólogo do Ano Santo e do Xacobeo, termos con significados distintos pero próximos, igual que a dualidade da ofrenda real, relixiosa e civil, que no momento presente hai que valorar desde unha tradición secular; ou saber distinguir a peregrinación xacobea como itinerario fundamentalmente europeo e a tradición santiaguista en América Latina ou en Asia. Este conxunto de realidades, que pode parecer paradoxal, merece que lle dediquemos unha análise atenta e non necesariamente desde posicións ideolóxicas.

Para os composteláns o 25 de Xullo é o día da nosa festa. Na preparación dos programas e eventos hai que conxugar tamén un cúmulo de palabras: cidadáns e residentes, turismo, cultura e lecer, calidade, urbanismo, medio ambiente. E, ademais, un desafío novo que deriva da polaridade entre a cidade culta, a histórica, que está perdendo afáns e obxectivos, e a Cidade da Cultura, e que soamente se pode concertar a través dun proxecto sólido.

No Día de Galicia, na celebración da autonomía, imponse falar da lingua como alicerce da nosa identidade. Nunca se fixo tanto pola súa aprendizaxe, pero estase abandonando na fala cotiá. E tamén considerar o trinomio que forman a demografía, a actividade económica e a inmigración, un problema global de gran calado vinculado directamente á práctica política para anticiparse a calquera manifestación de xenofobia.

A convivencia supón que ninguén se sinta con dereito a fustrigar a quen pensa ou actúa doutra maneira. A tolerancia é máis sospeitosa, porque adoita confundirse coa condescendencia. Convivir non é tolerar, é respectar e concertar, e a política pode axudar parlamentando sen tirarse os trastes, escoitando e respondendo con temperanza. En última instancia, utilizar as palabras con intención de entendernos. A serenidade do espazo cívico, espiritual, cultural do Obradoiro invita a facelo.