Lecturas para o verán


Non me regales peixes, ensíname a pescar. En termos políticos poderiamos dicir: non me deas subvencións cómodas, non me compres nin me aparves con elas, pon as bases, as condicións, os recursos, as estratexias necesarias para que poida desenvolverme por min, déixame crecer pola miña conta. Etimoloxicamente aparvar significa ‘facer a alguén pequeno (parvus), minorizado, infantilizado’. O discurso clientelar da vella política (que en moitos casos segue viva) consiste en comprar o favor desa maneira: non te preocupes, ti reza e cre en min, que xa eu me encargo de que non che falte o necesario. Naturalmente, quen xestiona o favor é o poderoso, o que ten o mandiño. El é quen define o concepto e a contía do necesario. El é quen administra o favor a cambio da obediencia, a submisión, outros dirán que a lealdade. Se cadra tamén a seguridade.

Recuperei da biblioteca estes días un libro que no seu momento moito me impresionou e que volvín reler agora: Historia íntima de la humanidad, de Theodore Zeldin, editado en castelán por Alianza Editorial en 1996. A edición orixinal en inglés é de dous anos antes. Zeldin, profesor en Oxford, que naceu na Palestina británica en 1933, viaxa polos comportamentos dos seres humanos ao longo dos séculos e infórmanos das raiceiras históricas de moitas situacións que nós pensamos superadas e que seguen activas, operando. Hai un capítulo especialmente revelador sobre a escravitude.

Os cidadáns occidentais do século XXI identificamos a escravitude con épocas remotas e, se acaso, con modelos de explotación que veñen de moi atrás e que condenamos. Nos últimos tempos, cos movementos migratorios do Terceiro Mundo, as formas de abuso industrial para manter liñas de produción a baixo custo, as mafias de tráfico de seres humanos, a explotación sexual, etcétera, abrolla algo máis de sensibilidade. Pero a Gran Máquina (o sistema) segue actuando, mesmo con rexistros que non imaxinamos.

En tempos de medo e inseguridade, a protección, ou a falsa idea de protección, que consiste en manter posicións de privilexio respecto doutros, o status das clases medias, por poñer un caso, que se entregaron ao fascismo e ás propostas totalitarias nunha parte moi importante da Europa das primeiras décadas do pasado século, constitúen formas de escravitude aceptada (entrega da liberdade a cambio da seguridade) que temos moito máis preto e moito máis vivas do que parece. A ditadura do capital transnacional, por riba mesmo da capacidade política dos gobernos; a dependencia económica e laboral da xente; a manipulación e o aparvamento das masas a prol do consumo indiscriminado, etcétera, son outros exemplos de submisión. A democracia é unha conquista histórica, mais que esixe homes mental e economicamente libres, pescadores que saiban pescar (capital humano), e dirixentes dignos de tal condición.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Lecturas para o verán