Martina Miser

12 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que penso no mar ascende na memoria o recendo do eucalipto. Esa asociación vén da infancia, cando no verán viaxabamos cos pais á costa, e o eucalipto, que apenas existía na miña vila, estoupaba na provincia de Pontevedra e facía que a miña ignorancia o apuxese á propia respiración do mar. Con todo, o sol non inspira en min ningún cheiro, talvez porque desa estrela sempre estivemos ben servidos na Limia. A cabeza daquel neno excitado polas vacacións non deixaba de se preguntar polo sentido que tiña pórse durante horas ao sol, coma lagartos que se alimentasen dunha materia invisible. Talvez fose esa felicidade contaxiosa das nais a que nos levaba a un proceso de imitación: estender a toalla na area e torrarse até que a pel esfolaba. Había mesmo unha competición para vermos quen se queimaba máis. Non esquezo cando tirabamos o traxe de baño diante do espello e confirmabamos con doloroso pracer esas raias que delimitaban o alcance que o sol deixaba nos corpos esbrancuxados. Despois viña, inevitablemente, a desgraza da peladura. Iso si, rematado o período de praia volviamos á vila coma seres estraños, vidos de fóra, con ese distintivo de ricos que certificaba a nosa pel. A ninguén se pode culpar desa estraña adicción ao sol que segue a facer estragos malia os riscos de cancro. É unha droga que libera as hormonas do benestar usando as vías da heroína e pondo seica medras na creatividade. Ten que ser iso, e non esoutros beneficios terapéuticos e vitamínicos coma a dilatación dos vasos sanguíneos, a baixada do colesterol, a mellora do estado de ánimo ou o aumento da actividade sexual. Se non, nunca entendería por que estou aquí, borracho de eucalipto, escribindo o artigo baixo un sol de xustiza.