Rosalía: incomprendida por Murguía


Sabido é que Rosalía de Castro faleceu en Padrón o 15 de xullo de 1885; o luns, pois, faranse 134 anos. Todo fai supoñer que os rosaliólogos do mundo enteiro recitarán, con devoción, nesa data, o glorioso tetrasílabo: Ro-sa-lí-a. Ou aqueles curiosos versos de Eugenio d’Ors:

Sobre la ría / un astro / se moría

Rosalía / de Castro / de Murguía.

Non sei se a efeméride será pródiga en publicacións rosalianas. En calquera caso, está nas librerías o terceiro volume das Cartas a Murguía (1886-1923), editadas pola Fundación Rosalía de Castro, non pola Real Academia Galega, institución que coeditou os dous volumes anteriores coa Fundación Barrié de la Maza. Os compiladores deste magnífico corpus epistolar, X. R. Barreiro Fernández e X. L. Axeitos, sinalan, na presente Introdución, que «a maior parte do material que publicamos pertence aos fondos da Real Academia Galega…» (p. 9). Este terceiro volume, editado «coa colaboración da Deputación da Coruña», contén 500 cartas (da 1.001 á 1.501). No volume, como acontece nos outros dous, non escasean as cartas con referencias a Rosalía de Castro, algunhas de notable interese para os rosaliólogos.

Eu voume centrar na 1.498, a correspondente ao 28 de xullo de 1922, a única de Vicente Risco ao seu «querido e respeitado Mestre». Importa este parágrafo: «A miña meirande ilusión sería de faguer o meu traballo d’entrada na Academia sobre a persoalidade da Gran Rosalía de Castro. Eu teño e tiven sempre un empeño especial na consagración da nosa gran cantora. Ora, eu preciso para elo instrumentos de traballo: precisaría os máis detallados datos biográficos, do desenvolvemento da súa obra, da súa educación e instrucción, leuturas, formación espiritual, relaciós literarias, aficiós, vida ordinaria, relaciós sociaes, bibriografía referente a ela… Eu penso que Vde., querido Mestre, non ha deixar d’atender ô meu rogo, e hase dinar de me proporcionar todos ises datos, que somentes Vde. pode proporcionar d’un xeito auténtico».

Certamente, un galeguista tan culto e tan intelixente como Vicente Risco escribiría, se don Manuel respondese a tan minucioso inquérito, unha biografía moito máis rica que calquera das existentes. Eu penso que Murguía, como máximo, contestoulle a Risco cunha carta cortés, cunha carta orfa de datos e bibliografía. Non cabía esperar moito máis de quen, falando da súa muller, chegou a afirmar: «La mujer debe ser sin hechos y sin biografía, pues siempre hay en ella algo a que no debe tocarse» (1885). En 1909, don Manuel Murguía, o Patriarca, insiste na súa concepción patriarcal, case conventual: «Después de todo, la vida de una mujer, por muy ilustre que sea, es siempre bien sencilla. La de Rosalía, como la de cuantas se hallan en su caso, se limita a dos fechas: la de su nacimiento y la de su muerte; lo demás sólo importa a los suyos».

Estes e outros textos murguianos sobre Rosalía figuran nun dos últimos traballos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, investigadora que, en non poucas páxinas súas, ten lamentado os criterios biográficos -verbo das mulleres- do gran polígrafo.

No volume Cartas a Murguía III hai outras misivas de persoas interesadas en escribir a biografía de Rosalía de Castro, unha especialmente importante: a da feminista Remedios de Selva y Torre (24-1-1921). Imponse supoñer que non atopou en Murguía a menor colaboración. O propio Vicente Risco ingresaría na Academia, en 1929, cun tema moi distinto: Un caso de licantropía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Rosalía: incomprendida por Murguía