Onte falei por WhatsApp, ou como se escriba, cunha amiga. Como son un tío serio, falabamos de libros. Recomendeille un. Paradoxalmente, un que trata sobre os algoritmos de Internet. Unha hora máis tarde entrei en Facebook e a publicidade esa que me sae á dereita recomendábame xusto ese libro. Ou o que é o mesmo, que a miña conversa de WhatsApp, ou como se escriba, fora «lida» polo algoritmo. Se le iso, unha conversa aborrecida en plan cultureta sobre libros, para facer negocio (ela confirmoume pola noite que lle saíu o mesmo anuncio) e lle sacan ese partido económico, que clase de uso lle darán a esoutras conversas subidas de ton e de aloumiños eróticos que ás veces temos con quen se supón que igual non deberiamos ter? Miña madriña que medo así como de repente.
Outro tanto pasoume hai uns días, pois empecei a recibir publicidade no meu correo electrónico de viaxes baratísimas a Bruxelas, a onde penso ir nunhas semanas. Voo a Bruxelas. Que facer en Bruxelas. Onde comer en Bruxelas. Estás só e buscas amigas en Bruxelas? Xuro por Tintín, que é de alí, que eu non falei diso con ninguén... agás co buscador de Google, Ese Que Todo O Sabe.
Os nosos móbiles e ordenadores son ventás abertas polas que está fuxindo a nosa alma. Christian Rudder, un dos fundadores de OkCupid, unha das primeiras páxinas web para ligar, no seu marabilloso libro Dataclismo, titula un dos seus capítulos Facebook sabe antes que tú que te vas a divorciar. Pois claro que o sabe. Polos perfís que ves. Polo que comentas polo Messenger. Polos likes que dás. E xa non che conto Instagram, ese novo espazo onde atopamos o amor a golpe de corazonciño.
O Algoritmo (con maiúsculas como corresponde a unha Divindade) é o Novo Deus Posmoderno. Xa está estudada a relación entre o triunfo de Trump e as manobras que certos algoritmos fixeron en Twitter. Vox centrou toda a súa campaña, dende as andaluzas, nas redes sociais. Usando o algoritmo. Ou o que é o mesmo: o Algoritmo pode venderche unha viaxe a Bruxelas, recomendarche un motel preto da túa casa... ou dirixir o teu voto cara a unha determinada opción política. As consecuencias para a democracia, para a liberdade, son obvias.
O Algoritmo todo o escoita. Todo o sabe. Todo o ve.
Ata hai nada ría ao ver como os adolescentes tapan cun esparadrapo a cámara do ordenador por se hai alguén do outro lado observando. Agora, eu, cando prendo o ordenador, fágolle a peineta á cámara. Por se acaso.