Raúl

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

27 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron sete días e tiña que despedirme de ti. Con palabras. Eras un tipo excelente. Deses cos que non se pode rifar. Pasoume moitas veces contigo. Nin de fútbol nin de política. E mira que había motivos para contrapoñer pareceres. En fútbol o teu equipo e o meu eran contrarios. Falabamos de tácticas, de Maradona ou Modric, con esa parsimonia que non é usual entre os futboleiros coma nós. Houbo veces que ata me deron ganas de ser dos teus, branquísimo! Contigo era imposible discutir. Impoñías o consenso. O diálogo diante do ruído. Un mago da concordia. E cando falabamos de política facíasme ver razóns que eu descoñecía. Eras un socialista da vella escola: bos e xenerosos. Por iso o xoves agardaban por ti Vicente (o que foi a túa man dereita e actual alcalde de Castrelo do Val) e Chelis (un dos pioneiros alcaldes socialistas do rural, Vilardevós). Estabas en política antes de que a política fose unha actividade profesional remunerada. Estiveches sempre do lado dos humildes. Os teus colegas, todos, dixeron que eras un político laborioso e honesto. Certo. Traballabas, caladamente, a favor da cidadanía. En Castrelo do Val, onde fuches alcalde, adorábante. Compartías a alcaldía co colexio, a túa outra gran vocación: mestre. Aparentabas serio pero de seguida se notaba a túa inmensa virtude: o corazón. Era tan grande que nin entre as palabras, ese meu territorio, encontro unha para definilo. Marchaches con présa, querido amigo. Sen facerte oír, apenas. Ti, que nunca te queixabas. Ti, que tragabas para dentro a dor e compartías as risas. Quero imaxinar que agora mesmo estás abrazando a Nerea. Felices os dous. Aquí imos botarte moito de menos. Eras un tipo excelente, Raúl.