Filosofía práctica

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

21 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasmando, mirando á nada, paseime de parada. Crucei a vía e entrei no metro que me levaría de volta á estación na que me tiña que ter baixado había cinco minutos. Polo menos desta atopei sitio para sentar, así que sentei, e aí estaba a publicidade da Escola de Filosofía Práctica de Nova York. E entón quedei matinando no fermoso do concepto de que existira unha escola accesible a tódolos públicos (se non, non a anunciarían no metro) que se adicara á práctica da filosofía. Sorrín e decateime de que probablemente a orde das palabras aquí si que alteraba o produto: filosofía práctica non será o mesmo que a práctica da filosofía, ou sí?

O caso é que o anuncio fíxome pensar na filosofía da miña nai, e na de tódalas vellas e vellos que coma ela aprenderon a «filosofía práctica» a través das súas historias de vida. Pensei no afortunada que fun por terme criado entre vellas e sabias mulleres que me aportaron tanto ou máis que os libros que me salvan a vida acotío. E pensei no pouco que escoitamos hoxe aos nosos vellos.

Probablemente Galicia non precise unha escola de filosofía práctica, pois o noso xeito de ser xa nos fai cuestionalo todo. Pero sendo prácticos, se Ourense é a provincia máis avellentada do país terá que haber un xeito de sacar algo en positivo do máis negativo dos nosos índices, non?

A miña reflexión de hoxe vai sobre o noso solsticio, o noso particular solsticio social.

Imaxinade que os medios deixan de repetir as omnipresentes novas globais, ou de amplificar absurdezas, e comezan a darlle voz á xeración que, a piques de desaparecer, levará consigo a sabedoría do pobo. Poderiamos chegar a ser, polo menos, os máis sabios de Europa.