Galegos no Brasil

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra debería dicir mellor en Río de Janeiro, a capital carioca, na que disque o 60 % das prazas da hostalería son de propiedade galega ou están xestionadas por galegos, ata o punto de que en Brasil, igual que noutras repúblicas latinoamericanas dicir «galego» é practicamente sinónimo de español, ou mesmo procedente da península ibérica, pois algúns inclúen nesta denominación aos portugueses do norte. Eu hei de ir ao Brasil / anque non gañe diñeiro, cantaban en Cotobade na época de meus pais, para que digan as mozas / velaí vai un brasileiro. O Brasil era a terra grande das Américas para os nosos emigrantes contra finais do século XIX e nas primeiras décadas do século XX. Cuba, a Arxentina e Uruguai tamén, e México, e Venezuela, mais o Brasil tiña algo máxico, diferente. «Sentíalo no aire nada máis chegar», cóntame Xesús Lavandeira, de 83 anos, natural de Vimianzo, que arribou a estas terras en 1961 e aquí ficou, casou cunha madrileña e montou unha xastrería.

A profesora Érica Sarmiento da Silva gañou no ano 2006 o premio de investigación Vicente Risco por un traballo (que foi tamén a súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Núñez Seixas) sobre a emigración galega no Brasil. Con anterioridade, Elena Pajaro Peres publicou A inexistencia da terra firme. Inmigración galega en São Paulo, 1946-1964, editada polo servizo de publicacións desta universidade. São Paulo é outro importante centro de referencia da emigración galega, igual que Santos, Niterói, Salvador da Bahia, Fortaleza, Belém, Curitiba, Porto Alegre… Segundo estimacións aproximadas, arredor de 20 millóns de cidadáns brasileiros recoñecen devanceiros procedentes do Estado español, a inmensa maioría de Galicia.

Os galegos asentáronse preferentemente nas cidades, dedicados ao comercio da alimentación, servizos, locais de lecer e hostalería. Os andaluces, que tamén constitúen un continxente importante, aínda que cuantitativamente bastante menor, escolleron máis ben o rural, xornaleiros nas estancias do café. «Nós preferimos as cidades porque de sachar no campo viñamos fartos», comenta, non sen retranca, o amigo Lavandeira. A primeira liña da praia de Copacabana está nas mans de galegos. Igual que na Arxentina, México ou Venezuela, organízanse en «sociedades de confianza» entre amigos e veciños, con participacións cruzadas nos negocios, e así vanse estendendo. A profesora María Rosario Suárez Albán, fundadora dos estudos de Lingua e Literatura Galega na Universidade Federal da Bahia, traballou a nosa presenza naquela parte do Brasil, e mailas achegas da nosa lingua nas falas baianas, igual que no seu día Valentín Paz Andrade explorou a pegada galega na literatura de Guimarães Rosa. O señor Lavandeira, que leva varios anos xubilado, engade: «Aquí nunca nos sentimos estranxeiros, en ningún momento. Se acaso, distintos».