Quen é Sebastián González?


Con motivo das recentes celebracións do Día das Letras Galegas dedicado a don Antonio Fraguas, nas distintas publicacións aparece a cotío no texto e nas fotografías o nome e a imaxe de Sebastián González, moi ligado a Fraguas no Instituto de Pontevedra, como estudantes en Santiago, no Seminario do Estudos Galegos, no Partido Galeguista. Días pasados atopeime na rúa a un alto cargo da Consellería de Cultura que me dixo que viña de ver a exposición sobre Fraguas na Cidade da Cultura, e de súpeto preguntoume: Quen é Sebastián González? Sebastián González García-Paz, o gran descoñecido do galeguismo político e cultural dos anos 30, a pesares da súa importancia que Castelao afirma -«esto debes sabelo dado o teu relevo no galeguismo»- na carta que lle escribe desde New York en setembro do 39.

Moi descoñecido, quizais porque morre no 1967 pouco antes de que os galeguistas do exilio se fagan presentes de forma notoria (e porque se apelida González García), aínda que a súa cidade, Pontevedra, honrouno dando o seu nome a unha rúa. Por suposto que os estudosos do galeguismo político e da arqueoloxía do noso país saben a relevancia que ten, e un pode asomarse á súa biografía no excelente limiar de Alfonso Mato, da reedición pola USC do seu libro de 1934 La Universidad de Santiago, ou no da publicación da tese de doutoramento, El Colegio de San Clemente de Pasantes en Compostela, publicada cincuenta e nove anos logo da lectura en Madrid en 1934, do propio Antonio Fraguas.

Membro das Irmandades da Fala, académico correspondente da RAG, formou parte de todos os consellos executivos, e da secretaría executiva, do Partido Galeguista desde a súa fundación. Fundador do Seminario de Estudos Galegos, foi o seu derradeiro secretario. Todo o cursus honorum do galeguismo. Pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios en Francia e Alemania, gañou a praza de profesor de Arte na USC; encargado das cátedras de Arqueoloxía e Historia da Arte, dirixe o Servizo de Excavacións Arqueolóxicas do Instituto de Estudos Rexionais e escava os castros de Santa Tegra, Borneiro, Baroña, Domaio e outros.

Cando estala a Guerra Civil é axiña suspendido de emprego e soldo, logo separado definitivamente, e declarado «incurso en responsabilidades políticas» en 1940. Exiliado en Puerto Rico desde 1937. En 1942 é nomeado catedrático de Historia da Arte da súa universidade, e en 1943 decano de Humanidades, posto que ocupou durante dezanove anos, sendo decano de Juan Ramón Jiménez, Pau Casals e Pedro Salinas, tamén alí exiliados.

Desde o decanato crea o Teatro Universitario, incluído o Teatro Rodante, de claras resonancias lorquianas, e o coro da universidade, funda o Seminario de Estudios de Puerto Rico, o museo da universidade, o Centro de Excavaciones Arqueológicas, e a Junta de Ampliación de Estudios. En todo iso reproduce o espírito e a experiencia republicana galega e española.

Morre en Pontevedra en 1967 nunha das súas viaxes. A universidade deulle o seu nome ao edificio da Facultade de Humanidades do Campus de Río Piedras. Os seus fillos doaron a súa biblioteca ao Museo de Pontevedra. Gran parte dela cruzou o Atlántico dúas veces, como moitos emigrantes e exiliados. Sebastián González, «un extraordinario idealista que, enraizado en Puerto Rico, nunca perdeu o cariño á súa terra», en palabras de don Antonio Fraguas.

Por Francisco Cerviño González Académico correspondente da RAG

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Quen é Sebastián González?