Camiño a Niterói


Cruzamos o mar de Guanabara nun dos ferris que fan a travesía dende primeira hora da mañá. Arredor de cen mil persoas utilizan diariamente este medio de transporte que une Río de Janeiro coa cidade de Niterói, auténticos ríos humanos a embarcar e desembarcar seguido. Outra posibilidade é facer a viaxe por autoestrada e cruzar a ponte de 14 quilómetros que voa sobre a boca da baía, con altura suficiente para permitir a circulación dos enormes cargueiros, plataformas e embarcacións de todo tipo que entran e saen. Podemos imaxinar a admiración dos primeiros navegantes que chegaron a estas terras e descubriron non só a paisaxe e o clima, senón o amparo natural que ofrece a xeografía. 

Cruzamos o mar de Guanabara camiño de Niterói coma quen segue os pasos de don Manuel Fraguas, que en 1905 arribou a estas terras dende o seu Cotobade natal para vir traballar na construción do ferrocarril, coma un emigrante máis. Penso naqueles outros que cantou Luís Seoane na ponte de Brooklyn, ou nos galegos que axudaron a abrir a canle de Panamá case que polas mesmas datas, ou nos varios miles ocupados na construción en Alemaña, Suíza, Holanda, Francia, despois da Segunda Guerra Mundial. Manuel Fraguas, pai de Antonio Fraguas Fraguas, a quen este ano a RAG dedicou o Día das Letras Galegas, veu dende as terras pontevedresas de Cerdedo-Cotobade a deitar as travesas do camiño de ferro, símbolo do crecemento económico desta parte do Novo Mundo, avivado nos derradeiros anos do século XIX e nos primeiros anos do século XX pola economía do café, que chegaba dende Minas Gerais buscando saída para os mercados a través da cidade de Río.

A épica dos galegos é a emigración. Outras nacións falan de batallas, xenerais, grandes fazañas bélicas. No noso caso, aínda que algunhas batallas e algunhas fazañas tivemos, a grande epopea é sen dúbida a emigración: en América, dende as estremeiras do sur (Comodoro Ribadavia e Hushuaia, onde están os Centros Galegos máis arredados do continente, ata o Canadá, e non sei se algunha poboación de Alasca), e mais en Europa, no continente africano, en Australia… E cando non emigrantes, navegantes nos sete océanos: nos caladoiros da pesca, nas plataformas do petróleo, nos grandes transportes marítimos…

Os nosos peiraos están cheos de historias que en moitos casos son fantásticas novelas. Sen esquecer os tempos de Xohán de Nova, Pedro Sarmiento de Gamboa, Álvaro de Mendaña, Mourelle de Corme, os Nodales de Pontevedra… Outro día hei falar das illas Galegas, no medio do Índico, non lonxe da illa Mauricio, descubertas tamén por galegos nos primeiros anos do século XVI. Nos raís do tranvía de Niterói, diante do poderoso edificio da estación ferroviaria, lembramos a memoria de don Manuel Fraguas, mozo de Cotobade, que marchou a procurar o mundo e volveu porque non quería deixarnos atrás.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Camiño a Niterói