Amancio Ortega e a soberbia

OPINIÓN

ANGEL MANSO

07 jun 2019 . Actualizado a las 12:49 h.

Pasado o fragor electoral do 26 M, talvez proceda unha reflexión serena sobre as ácidas críticas de Unidas Podemos ás doazóns da Fundación Amancio Ortega no ámbito da oncoloxía. Dirixentes da formación morada, primeiro unha dirixente madrileña e despois o gran temón do partido, criticaron as doazóns -que superan os 300 millóns de euros- para a adquisición de equipos de diagnóstico e tratamento do cancro; ao tempo, lanzaron acusacións de fraude e enxeñaría fiscal e de uso de man de obra infantil na empresa propiedade do magnate coruñés.

Chama a atención a censura de doazóns nun asunto tan dramático como é o cancro. Falamos dunha enfermidade á que nin sequera nos atrevemos a chamar polo seu nome; véxase o caso do recente óbito do ex-ministro Eduard Punset, ocorrido segundo moitos medios «tras una larga enfermedad». Desprezar esas doazóns parece froito da soberbia, ese pecado de señoritos («¡Prefiero morir de hambre que trabajar!», como dicían os fidalgos españois do século XVIII).

Non se compadecen as críticas, ademais, coas doazóns -o meu aplauso para elas- dos propios dirixentes da formación morada, detraídas das súas remuneracións como cargos públicos. Unha das realizadas en 2017 tiña como destino a loita contra a homofobia. Acaso -apliquemos a analoxía- a solución a este problema ten que depender da caridade dos dirixentes de Podemos? O dono de Zara non é un santo. Pero a súa fortuna non procede da venda de armas nin de actividades mafiosas. Como lembraba hai tempo Camilo Nogueira, procede dun negocio industrial, alleo a bancos, eléctricas ou adxudicacións públicas, cousa que poucos poden dicir en España. Na Coruña atribúeselle a seguinte frase: «A mi nadie me ayudó cuando estaba empezando, y yo hago lo mismo», que seguramente sexa apócrifa, pero propia do empresariado español que non vía necesario devolver á sociedade parte das súas ganancias, algo que é tradición en países como os Estados Unidos. Recordemos que dúas das primeiras entidades filantrópicas, o Instituto Carnegie e a Fundación Rockefeller, foron fundadas en 1902 e 1913, respectivamente.

En canto ao beneficio fiscal, acaso os dirixentes de Podemos renunciaron ás deducións fiscais que lles correspondían? Sexamos rigorosos: todos os que facemos algunha doazón procuramos usar os beneficios que a lei nos outorga; niso se basea o mecenado en calquera país. Sigamos o exemplo de Francia, que non dubidou en conceder exencións fiscais de ata o 75 % ás doazóns privadas para a reconstrución de Notre Dame. A unha igrexa, no país laico por excelencia!

A sociedade española é aínda mesquiña na axuda social. Se esa percepción está cambiando é preciso apoiala, encarreirala e regulala, pero non poñamos paus nas rodas.