Verás, Fran

Francisco Castro, escritor e director xeral de Editorial Galaxia TRIBUNA

OPINIÓN

JAIME OLMEDO

03 jun 2019 . Actualizado a las 12:53 h.

Fran Rivera é un señor que gañou a vida torturando touros (un mamífero sentinte) diante de xente que goza e é feliz vendo esa barbaridade atávica. Chámanlle arte a iso, e a Fran Rivera, maestro. Viva a semántica. Ese señor de traxe de luces e poucas luces declarou nos medios hai uns días que se a un home lle chega polo WhastApp un vídeo de contido sexual (protagonizado por unha muller, claro, cambiaría o conto se fosen dous homes queréndose tenramente e dándose trabadas agarimosas nos lóbulos das orellas), pois iso, que se a un home lle chega iso ao teléfono pois que ten que compartilo a todo correr... Con outros homes, claro. Se logo a protagonista se suicida pois vale. Fran di que iso é algo propio da masculinidade.

Verás, Fran, isto da masculinidade haino que revisar. Sabes por que? Porque por tíos que din cousas coma as que ti dixeches e que son coma ti esta sociedade non dá progresado.

Voucho explicar moi fácil. Ata ti o vas entender. Por moito que ti coides que tes determinadas pulsións irrefreables masculinas, do tipo chamar aos teus colegas para pasarlles o vídeo sexual (de mulleres, eh!, sexamos machotes), hai unha cousa que se chama racionalidade, moral, bo gusto e decencia. Incluso educación ou humanidade. O normal non é que os tíos compartamos eses vídeos. O normal é que nos repugne e lle montemos unha boa a quen nolo envíe.

E verás, Fran, aínda que penses que non ten importancia isto que digo en realidade ten moita. Unha muller matouse por iso. Por masculinidades coma a túa e coma a de ducias de homes (machos) que se pasaron o vídeo entre risas e morbosidade. Tiarrazos. Machotes. Masculinos.

A masculinidade, como calquera outra cousa, constrúese entre todos e todas. Pero no fundamental, entre todos. O patriarcado (ideoloxía que, mira ti que casualidade, en España adoita ser favorable á tauromaquia, xa coincidides nunha cousa) explícanos dende pequenos, aos homes coma ti e coma min (os dous somos homes e nos chamamos igual, outra casualidade) que as mulleres poden ser consideradas cousas (aí está o porno) e que como somos machos (coma bestas en manda) todo nos está permitido no referido á nosa concepción e uso do sexo delas.

Pois iso, Fran. O patriarcado di que somos así e que non podemos ser doutra maneira. Macholos. Señoros. Iso toca cambialo, Fran, porque si que podemos. Así que, por se acaso, tocaio, a min non me mandes vídeos por WhatsApp. E cando abras a boca, que sexa para falar de touros.