Un concurso de relatos


A experiencia ten un algo de experimento, non exactamente científico, mais significativo, na miña opinión. A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal veñen de entregar os premios da segunda edición dun concurso de microrrelatos (200 palabras) nos que os participantes reflicten unha situación, presentan unha estampa, un anaco de vida, en realidade unha maneira de enxergar o mundo. Case que cincocentos traballos, cifra que dobrou amplamente a primeira convocatoria, clasificados por idades: infantil, xuvenil e adultos.

Falo de experimento porque, alén da calidade dos textos, algúns certamente notables, mesmo sorprendentes os dos máis novos, con efectos narrativos moi logrados, o que máis interesou ás persoas que constituímos o xurado foi a temática dominante (as temáticas dominantes, deberiamos dicir), na medida en que expresaban centros de interese ou de preocupación. Non sempre temos oportunidade de escoitar dunha maneira tan directa as voces do común. Non sempre estamos suficientemente atentos ás razóns dos que non falan dende o púlpito. Díxome nunha ocasión unha alumna, ao pouco de incorporarme eu á presidencia da RAG: «Por que non lles dades unhas vacacións aos clásicos e nos escoitades a nós, os máis novos?».

Tiven a curiosidade de ordenar os textos segundo a temática maioritaria: violencia de xénero, atención aos animais (sobre todo nas primeiras idades, que en moitos casos reflectía a necesidade dunha maior atención aos máis débiles ou desamparados), reivindicación da lingua, coidado e consideración dos avós, despoboamento das aldeas, incendios forestais, defensa do medio ambiente, emigrantes…

Os adultos traballan o realismo. A rapazada achégase máis á fantasía, con imaxes que en moitos casos podemos recoñecer nos videoxogos, na estética da banda deseñada ou na televisión. Nada de política, aínda que a política está en todo. Nada de produtos de consumo masivo, curiosamente.

A violencia de xénero e o abuso contra os máis débiles, denunciando situacións moi duras, dominaba sobre outras cuestións; isto e mais o desamparo dos máis vulnerables: nenos, vellos, emigrantes… Sen retóricas fáciles. Sen leccións de moralina. Texto directo e eficacia narrativa en 200 palabras.

Recoñezo que, logo de entregar os premios e ler todos os traballos, volvín para a casa un algo desacougado e, ao mesmo tempo, animado. Desacougado polos motivo de preocupación que evidenciaban os textos, sobre todo os da xente máis nova. Nalgúns casos eran auténticos berros de alarma. Animado pola idade media dos participantes, polo talento das composicións e, sobre todo, polo ideal positivo, o soño de que o mundo pode e debe mudar para mellor, e que entre todos podemos conseguilo.

Tal como dicía aquela mañá a miña alumna: «Por que non nos escoitades un pouco máis a nós?». Que son o futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Un concurso de relatos