Amancio

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

01 jun 2019 . Actualizado a las 09:30 h.

Nos anos setenta contábase un chiste en España: pescaba Franco troitas nun río galego cando chegou un paisano que o saudou amablemente e botou a cana preto del. A Franco pareceulle que o paisano non o recoñecía e, estrañado, preguntoulle se sabía quen era, e como o paisano respondeu que non, comentoulle: «Pois sonlle o galego máis famoso.» O paisano, abraiado, respondeulle: «Ai, Amanciño, que vello vas!».

O Amancio do chiste era o futbolista Amancio Amaro Varela, o bruxo dos caneos imposíbeis, estrela do Dépor que ascendeu a Primeira e do Madrid gañador da sexta Copa de Europa; internacional coa selección española 42 veces; máximo goleador da liga en dúas ocasións, malia xogar de extremo; e que en 1968 estivo na selección mundial da FIFA. Tan admirado e querido foi Amancio na Coruña que varios homes nados a finais dos anos sesenta e comezos dos setenta levan, por el, o seu nome. Un é veciño meu.

Porén, pronunciar hoxe o nome de Amancio na Coruña leva a Amancio Ortega Gaona, o bruxo dos caneos imposíbeis ao mercado co equipo de Inditex; un dos grandes empresarios do mundo. Cando Amancio Amaro empezaba a andar o camiño do éxito deportivo, Amancio Ortega empezaba a matinar nun proxecto industrial, tan orixinal como sinxelo, baseado en dúas interrogantes: por que vender o que outros fabrican? Por que non vender o que nós fabriquemos? Fíxoo realidade, rodeouse de colaboradores capaces e triunfou.

En 2014 nacía Podemos, para opoñerse, desde unha ideoloxía de esquerda, ás políticas da Unión Europea para a crise económica. Tratábase de converter a indignación en cambio político e a xuventude apoiouno. O éxito electoral foi espectacular, semellaba imparable, pero en só cinco anos caeu en picado. As causas explicounas Emilio Delgado, exmembro de Podemos e deputado electo na Asemblea de Madrid pola plataforma Más Madrid: «Esta es la historia de cómo unos cuantos niñatos de las juventudes comunistas colonizaron el entorno de un líder loco, arrogante y febril, y transformaron una hermosa promesa llena de esperanza para la gente en una pesadilla estalinista e impotente».

O líder louco, arrogante e febril é Juan Carlos Monedero, e os que trocaron a fermosa promesa en pesadelo stalinista son os «hooligans acríticos que aseguran o control do partido» e, en plena campaña electoral, seguiron a Pablo Iglesias no despropósito de rexeitar as doazóns de Amancio Ortega á sanidade pública. Poderían denunciar a submisión de PSOE, PP e Cs ao poder financeiro despois que o Banco de España estimase en 14.275 millóns de euros o importe recuperable dos 54.353 millóns que a banca recibiu en axudas públicas desde o 2009, e o electorado de esquerda aplaudiríaos; pero como xa o fixeran meses antes, procuraron algo novo e abraiante e lanzáronse contra as doazóns. Atinaron: o estoupido foi enorme, pero o electorado pensou que tolearan.

Eu sei o que é participar nun proxecto político ilusionante e ver como se esfarela pola nosa incompetencia; sei o que é sentir a dor e a vergoña de fallar a quen creron en nós. Nesas circunstancias só caben dúas actitudes: recoñecer os erros e asumir a responsabilidade ou non facelo e inventar un culpable. Niso anda Monedero, coido que sen éxito. Xa se verá.