Un minuto de silencio, a penitencia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

30 may 2019 . Actualizado a las 20:31 h.

Verónica era nai de dous nenos. Unha nai nova de 32 anos. Unha muller traballadora. Unha muller que deixou de ser libre cando menos o esperaba.

Verónica, por suposto, era dona do seu corpo. E da súa privacidade.

Mentira!

Mentira, mentira, mentira!

Hai anos gravou un vídeo de contido sexual. Non me importan as razóns nin quero sabelas. Pertencen a ela exclusivamente. Ai, non, xa me esquecía... que ela non ten intimidade, que aquí mandamos todos.

Pensan que esaxero? Oxalá puidesen preguntarllo a ela, oxalá. Pero xa non podemos facelo, porque Verónica non soportou o peso do seu pasado, que a aprisionou como unha laxe implacable.

O devandito vídeo resucitou despois dun lustro. O motivo? A saber! Pero alguén decidiu por ela que as imaxes debían ser vistas por máis de un. Por miles. Porque o documento visual chegou a dous mil compañeiros de empresa. Dous mil. Que a xulgaron. Que se achegaron ao seu posto de traballo para mirala, observala e coñecer de preto quen era a protagonista do documento. Compañeiros que non tiveron ningún reparo, que riron e fixeron chanza dela. Compañeiros que tiñan que ter acusado a quen llo enviou e valorar que tipo de escrúpulos ten.

Pero non o fixeron. E o vídeo chegou ao seu home. E ela acabou suicidándose. Porque non puido soportar a presión.

A historia resúmese niso. E na penitencia que se impuxeron eses mesmos compañeiros que a esmagaron: un minuto de silencio.

E quizais pensan que xa está, que é suficiente.

É o momento de berrar: mentira, mentira, mentira!