Educar en non acosar

María Luz Losada Somoza FIRMA INVITADA

OPINIÓN

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É fácil poñerse na situación: un vídeo de contido sexual difúndese entre os teus compañeiros de traballo. Soportas a vergoña, os comentarios, a humillación, mentres que as imaxes circulan de móbil en móbil sen que, que saibamos, ninguén denunciase ou polo menos recriminase a conduta. Comportamento que remata coa vítima dese vídeo sexual falecida por suicidio ante a presión insoportable de ver a súa intimidade exposta, especialmente no seu círculo máis próximo.

Se ben se está a investigar quen comezou a divulgación do vídeo gravado cinco anos antes, si está claro que hai outras moitas persoas que foron responsables da súa difusión. E neste punto quero poñer toda a énfase: na responsabilidade individual de persoas adultas que, máis alá das implicacións penais que teña o seu comportamento, colaboraron para facer viral un vídeo sexual dunha muller. Non percibían a violencia que estaban a inflixir contra esa persoa? Non entendían que estaban a acosar de forma extrema a unha muller?

Este tipo de vídeos empréganse como o que se coñece como «pornovinganza», é dicir, úsanse para facer dano á muller e extorsionala tras finalizar a relación. É unha manifestación da carencia na educación afectivo-sexual que recibimos, con persoas que non asumen o dereito a unha ruptura normalizada dunha parella, a pór fin a unha relación sentimental, e recorren ao acoso como forma de violencia.

Este é un acoso que grazas ás tecnoloxías que fan virais fotos e vídeos acada cifras inmensas coa cooperación necesaria doutras persoas que se converten tamén así en acosadoras, nun acto irreflexivo.

As vítimas son habitualmente mulleres, porque na nosa socialización o home non se ve penalizado (mesmo incluso o contrario) ante a exhibición pública de contido sexual, como si acontece coa muller. É, por tanto, unha forma de violencia machista que debería xerarnos tanta repulsa como calquera outra e coa que, como adultos responsables, deberiamos negarnos a cooperar difundindo estas imaxes.

Cómpre educar en non acosar, tampouco deste modo. Nós como adultos, rexeitando eses contidos cando nos chegan ao noso móbil. Pero tamén os nosos mozos e as mozas que están medrando nunha contorna dixital, na que desenvolven prácticas como o sexting, compartindo imaxes íntimas de forma voluntaria, que se poden distribuír ata o infinito e sen control. Eduquémolos nos riscos das tecnoloxías, pero tamén no seu uso responsable para previr finais tan tráxicos que ocasionan tanto sufrimento.