Á pregunta dun periodista sobre se o City podía ser o primeiro equipo inglés en acadar un triplete, Pep Guardiola respondeu que esa posibilidade só se daba no masculino porque un equipo feminino xa o lograra. A resposta converteuse en noticia e, unha vez máis, puxo o foco na desigualdade que os medios de comunicación constrúen a diario dándolle máis valor a un adestramento de Messi que ao éxito dunhas xogadoras de baloncesto nun Campionato do Mundo, por poñer só un exemplo. As novas deportivas sempre se centran no home e obvian a muller. Con todo, dende hai uns meses vexo algúns pequenos avances na presenza que elas ocupan nos informativos e nas páxinas da prensa. Este mesmo periódico levou estes días á portada o ascenso á primeira división dun equipo de fútbol feminino e, nos últimos meses, nos partes de RTVE introducen diariamente e con certa elegancia e euforia novas sobre o deporte que fan elas. Sei que son fabas contadas nun territorio que arrastra unha inxustiza histórica no reparto de tempo (o 95 % para eles e o 5 % para elas, máis ou menos, sen entrarmos en que esa porcentaxe mínima acadada pola muller na prensa deportiva está tocada por referencias sexistas e estereotipos de beleza que lle dan máis importancia ao físico cás habelencias deportivas), pero debemos aplaudir estes pasos que se van dando para combater a desigualdade no deporte e nos medios.
Se importante é que se conte, máis o é como se conta. A función do periodista vai máis alá de entreter e informar. Ten que formar, producir mensaxes, crear significados e interpretar a realidade. É certo que esta é unha loita delas, pero o home non debe poñer atrancos porque é consumidor e, sobre todo, porque é quen adoita exercer ese labor de decisión.